Febreiro de 2014
 
 

NÚMERO 220 - 17/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Acción social: o reitor condénanos ao copago

Para que ninguén se ocupase de transmitirlle, pola porta traseira, o rexeitamento á súa decisión de recortar a acción social, a Xunta de PAS solicitou unha reunión co reitor. Esa reunión realizouse o pasado venres. O sr. reitor reafirmou, unha vez máis, a súa irracional postura negándose a escoitar ningunha das alternativas que se lle expuxeron.

 

  • Noticias relacionadas

 

O equipo de goberno da universidade xogou en todo este proceso a baza da desinformación:
 
Primeiro ocultou covardemente e ao peor estilo dos gobernos da dereita, no Claustro Universitario do día 4 de decembro, a súa intención de efectuar este recorte, Claustro que, entre os importantes, puntos da orde do día tratouse sobre:
2 .- Aprobación, se proceder, do Plan Estratéxíco 2013-2020
3 .- Aprobación das liñas xerais de programación plurianual e orzamentaria para os anos 2014-2015.
(Resumo do Claustro)
 
Despois, xa na Mesa de Traballo, constituída coa intención de darlle lexitimidade ao recorte, ocultou, de xeito reiterado, os datos reais da execución orzamentaria proporcionando cantidades irreais e/ou referidas a orzamentos anteriores a 2013.
 
Sen ir máis lonxe o reitor e o xerente no seu comunicado do venres reiteran a circunstancia da diminución orzamentaria imposta pola Xunta nun 3,9%, cando sabemos que o Capítulo I increméntase respecto ao peche do exercicio de 2013. Esta circunstancia repítese respecto ao gasto derivado da matrícula gratuíta que sabemos é inferior ao sinalado pola Xerencia. Tamén se puxo sobre a mesa, na reunión realizada co reitor, a existencia dunha débeda da Xunta de Galicia (próxima a un millón de euros), respecto do aboamento da matrícula gratuíta dos seus traballadores/as.
 
O reitor, o xerente e os compoñentes do equipo de goberno da universidade que participaron nas reunións da “Mesa de Traballo” non escoitaron ningunha das alternativas que se lle presentaron: aforro en gasto superfluo, recortar nos gastos innecesarios e suntuosos que se realizan con cargo a orzamentos de centros, departamentos, proxectos…, revisar a política relacionada cos cargos que conlevan redución de docencia, reducir a partida dedicada a incentivos á xubilación voluntaria dos docentes (que reiteramos é ilegal), dedicar a acción social parte do aforro conseguido coa funcionarización do PAS laboral (uns 500.000€), plus de altos cargos, etc. etc. etc.
 
O equipo de goberno da universidade non pode dicir que non se lle presentaron alternativas. O que pasa é que ningunha lle valía porque, en definitiva por un lado non lles interesa a racionalización do gasto e por outro porque moitas das alternativas sinaladas repercutirían negativamente nos privilexios da casta docente.
 
Xustifican os recortes na súa preocupación polo mantemento das plantillas e na política de bolsas para os estudantes. Paradoxicamente tanto o PAS como os alumnos rexeitamos os orzamentos de 2014 polos recortes que contemplan. A escusa do equipo de goberno é a cenoria coa que pretenden que non vexamos o recorte sistemático que se fai no noso colectivo.
 
Impoñen, como o fai a dereita máis ultramontana o copagamento do que, até agora, era un dereito dos traballadores e traballadoras. Condénannos a pagar directamente a súa mala xestión e a súa covardía diante da Xunta á que nin sequera se atreven a reclamar xudicialmente as cantidades acordadas no Plan de Financiamento.
 
No canto de falar directamente coa representación colectiva dos traballadores e traballadoras, único órgano que pode acordar coa institución as medidas relacionadas coa acción social, a universidade optou por constituír unha mesa de traballo na que, en teoría,se quixo atopar unha saída a un recorte tan importante para o Colectivo, pero, a representación da UDC, non proporcionou datos reais e ocultou datos transcendentais para a realización das tarefas encomendadas, o que revela, ás claras, a pantomima organizada pola institución.
 
Por outra parte non se atreveron a recortar os dereitos establecidos no Convenio Colectivo porque saben que, de facelo, denunciariamos xudicialmente, como xa anunciamos, e saben, tamén, que perderían.
 
Non aceptamos nin acatamos o recorte, rebelámonos contra o copago da acción social xa decidido. As actuacións de gobernos como o que temos na universidade estenden e afortalan entre os traballadores e traballadoras a idea que todos son iguais, que, cando chegan ao goberno, ao final, defenden sempre os mesmos intereses. É imprescindible unirnos para que non se impoñan as políticas de recortes.
 
GOBERNE QUEN GOBERNE O PAS NON SE VENDE!!

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript