Febreiro de 2014
 
 

NÚMERO 220 - 17/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  ACCIDENTE FERROVIARIO DE ANGROIS
 

Xuiz Aláez: o cambio de seguridade na liña supuxo “xogar coa vida de moitas persoas”

Nos días posteriores ao tráxico accidente ferroviario de Angrois, tanto os medios de comunicación como Renfe, Adif e o Ministerio de Fomento, sen agardar a que se realizase a investigación pertinente criminalizaron e sinalaron como único responsable ao maquinista do Alvia accidentado.

 

  • Noticias relacionadas

 

Sen descartar a responsabilidade a que houbera lugar por unha posible neglixencia do traballador que tiña a responsabilidade da boa conclusión da viaxe, reclamamos unha investigación independente, na que se estivesen presentes os familiares dos mortos e feridos no accidente, porque xa se adiviñaban responsabilidades empresariais no deseño e na falta de elementos de seguridade que respondesen diante dun posible erro ou, mesmo un esvaecemento, do maquinista que, non o esquezamos, nun tramo moi pequeno ten que reducir drasticamente a velocidade da máquina (de 200 a 80 Km. por hora).
 
Luis Aláez, censura a "decisión transcendental" que tomaron os responsables de Adif en 2010, cando José Blanco era ministro de Fomento, de "modificar o proxecto orixinal" da liña Ourense-Santiago en canto ao ancho de vía. Este cambio provocou a alteración do sistema de seguridade ERTMS polo ASFA na curva de Angrois. O xuíz tamén carga contra os actuais conselleiros que "consentiron no seu mantemento".
 
O xuíz refire, no auto feito público estes días, un «quebrantamento» por parte de Adif «do seu deber primordial de velar pola seguridade dos usuarios da liña para primar intereses puramente comerciais, o que non podería considerarse socialmente tolerable». Sobre este proceso, coas súas tráxicas consecuencias, cérnese a sospeita de «criminalidade» e «dunha imprudencia punible». «Canto maior é a necesidade de seguridade menor é a liberdade de decisión, e no caso examinado, segundo o devandito, aquela non podía ser máis alta, pois xogábase coa vida de moitas persoas».
 
Tras este duro auto está en dúbida si Aláez seguirá á fronte da investigación. Pénsase que se pode aproveitar a súa petición de traslado a outro xulgado por motivos persoais, para apartalo da instrución.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript