Febreiro de 2014
 
 

NÚMERO 220 - 17/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

A quen cres, ós inmigrantes ou á Garda Civil?

De entre todas as conclusións que nos deixa a morte de quince persoas en augas fronteirizas de Ceuta, eu quedo cunha derivada nada secundaria: os inmigrantes dicían a verdade. E os responsables da Garda Civil mentían.

 

  • Noticias relacionadas

 

Estivemos a escoitar unha semana a versión oficial de Interior e da Garda Civil: declaracións, notas de prensa, vídeos e comparecencia parlamentaria. En paralelo, escoitamos as voces dos superviventes, que sostiñan unha versión completamente diferente á oficial. Se as autoridades comezaron dicindo que non interviñeran, que todo sucedera no lado marroquí, e que non empregaran material antidisturbios, as persoas sobreviventes falaban de falta de auxilio, disparos de pelotas e expulsións en quente.
 
Mentres os inmigrantes mantiveron a súa versión dende o primeiro día, os responsables de Interior fórona cambiando día a día, ata que onte o ministro admitiu o uso de material antidisturbios tamén na auga, e as expulsións en quente. Ata que as probas se fixeron incuestionables, dedicáronse a negalo todo, xustificar o que xa non podía ser negado, e finalmente ameazar con querelas aos que non tragasen coa versión oficial.
 
É dicir: os inmigrantes dixeron a verdade, e os mandos de Interior mentiron. Non só mentiron: insistiron na mentira durante unha semana, desinformaron mediante un vídeo manipulado para culpar os propios inmigrantes, acusaron os discrepantes de facerlle o xogo ás mafias. E aínda hoxe non estamos seguros de que a última palabra, a do ministro, sexa certa ou aparezan novas contradicións.
 
Isto non quere dicir que os inmigrantes digan sempre a verdade, nin que as forzas de seguridade mintan sempre. Pero deberiamos telo en conta a próxima vez que se nos dea a elixir entre a palabra dun inmigrante e a dun policía.
 
Porque o certo é que ese tipo de disxuntiva se dá a miúdo. Levamos anos escoitando denuncias de abusos, malos tratos, detencións irregulares, violacións de dereitos humanos en CIE OS (cuxa soa existencia xa é unha violación dos dereitos humanos), deportacións das que non se informa, redadas policiais nas rúas, arbitrariedade nas fronteiras, agresións e ata violacións a mulleres.
 
En todos os casos, as ONG adoitan dar apoio ás vítimas e difunden as súas denuncias, pero en demasiadas ocasións as autoridades rexeitan as denuncias, e converten todo nun duelo de credibilidades: a palabra do inmigrante fronte á palabra do funcionario policial.
 
É certo que ese comportamento non só o sofren os inmigrantes. Acontece a miúdo con manifestantes golpeados, cidadáns identificados ou detidos de forma irregular, e de forma sistemática en todas as denuncias de tortura policial, non só con acusados de terrorismo, aínda que especialmente con eles. Pero no caso das persoas emigrantes a súa indefensión é aínda maior, cando se trata de persoas aos que se negan dereitos e que a miúdo teñen medo de denunciar, pois acabarán expulsados.
 
O sucedido en Ceuta debería facernos pensar nesa indefensión, o vulnerables que son, e o papel fundamental que xogan as organizacións que os apoian e defenden, así como os xornalistas que cuestionan a versión oficial e elixen investigar.
 
Insisto: non digo que sempre digan a verdade un e mintan os outros. Pero teñamos en conta o sucedido a próxima vez que nos dean a elixir entre dúas versións.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript