Febreiro de 2014
 
 

NÚMERO 220 - 17/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  LOITA SOCIAL
 

A Coruña, paradigma da corrupción

Os sucesivos gobernos da “democracia ibérica” acostumaron a establecer vínculos directos cos intereses económicos de empresas e particulares, creouse, deste xeito unha enmarañada tea de corrupción que propiciaba e segue a propiciar, por un lado o enriquecemento rápido do astuto político e, por outro, ábrelle a porta das grandes empresas favorecidas durante o mandato político para o exercicio dun “emprego” moi ben remunerado ao producirse a xubilación das tarefas de goberno. Tamén se aproveita esa proximidade coas empresas, ás que se lles outorgaban suculentos contratos coa administración, para colocar aos seus amigos e correlixionarios.

 

  • Noticias relacionadas

 

Detrás do acontecido no barrio de Gamonal, detrás da privatización da sanidade, da educación e en xeral de todos os servizos públicos latexa a corrupción institucional, (non podemos esquecer o vandalismo sobre todo o público para transferir capital ao rescate bancario). Detrás da práctica totalidade dos casos que provocan as loitas cidadás escóndense intereses particulares vehiculizados por políticos corruptos aos que non lles chegan as prebendas que teñen como servidores públicos e fan do seu paso pola política unha panca para o enriquecemento persoal e o da súa opción política.
 
Aparte da corrupción estatal e autonómica que recorta dereitos tan elementais como a sanidade, a educación, que lexisla copagos e condena a unha gran parte da poboación á precariedade e á pobreza, hai outra corrupción máis local que aproveita os mecanismos do goberno municipal para beneficio particular e/ou empresarial: o caso Pokémon e a súa derivación Pikachu son a punta dun iceberg que esconde moitos outros casos de pelotazos urbanísticos dos que o que acontece no Ofimático e o previsto para Durmideiras son un claro exemplo.
 
No Ofimático a conxunción de intereses privados coa conivencia de Concello e Xunta levou a que os moradores desta zona, moitos de idade avanzada, que pasaron toda a súa vida na zona en vivendas unifamiliares, moitos tamén con animais e terreo de cultivo, os converteran en “promotores” da urbanización que, paradoxicamente os votará das súas casas. Os veciños e veciñas rebélanse e protagonizan, xunto a STOP desafiuzamentos de A Coruña, concentracións e manifestacións contra as medidas especulativas.
 
Na zona de Durmideiras o concello dá vía libre a un novo pelotazo urbanístico consistente en trasladar a esa zona as ilegais licencias de construción da Agra de Santo Amaro proxectando a construción dun edificio de máis de 300 vivendas e urbanizando, á súa vez, a Agra de Santo Amaro cun aparcadoiro de varias plantas, centro comercial, restaurante…. Esta circunstancia, aparte de ser unha nova actuación especulativa favorecendo a promotores “amigos” que, reiteramos, de ningún xeito, tiñan dereito a edificar, degrada de tal xeito a contorna que pode levar á retirada do título de Patrimonio da Humanidade á Torre de Hércules.
 
Aínda sendo exemplificadores os casos que referimos non son as únicas evidencias desa “proximidade” do goberno municipal cos grandes construtores. O último PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) contemplou todas as alegacións de Inmobiliaria Costa Coruña (Manuel Soto) Construcciones Fontenla, de Invest Cos (Souto, Collazo e Jove), de Inveravante (Manuel Jove) e de Anjoca (Ángel Jove) sendo admitidas e incluso “melloradas” polo PP.
 
O Concello colleu carreiriña nisto da corrupción e, agora, pretende levar a efecto a denominada “reforma integral do centro”, unha actuación que novamente favorecerá os intereses particulares representando un importante gasto que obrigará ao Concello a contraer unha importante débeda que pagaremos todos/as os/as coruñeses/as (o orzamento ascende a 56 millóns de euros dos que máis de 18 corresponden ao concello, e que se pretende estea rematada no ano 2015). A paranoia municipal de facer da zona do centro o escaparate da cidade lévao a esquecer totalmente os barrios que están totalmente desasistidos. Mentres se gastan estas inxentes cantidades en favorecer a especulación, os servizos sociais, imprescindibles para dar resposta á situación pola que pasan moitos dos cidadáns coruñeses, carecen de financiamento.A corrupción que pon en evidencia a inexistente democracia na que vivimos pagámola entre todas/os, porque repercute directamente no empobrecemento de todas e todos.
 
Non podemos quedar impasibles diante destas actuacións. Da nosa pasividade sacan tallada os/as que nos desgobernan. Dende o 15 M de Monte alto:
 
• Promoveremos accións de denuncia pública da situación
• Activaremos as medidas mobilizadoras de resposta activa que conclúan na derrota do corrupto goberno municipal.
 
Artigo recollido da páxina web do 15M de Monte Alto.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript