Febreiro de 2014
 
 

10/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA
 

A volta da toponimia franquista

Estes días en que Galicia é centro de atención dos informativos de todo o Estado polos fortes temporais e polas nevaradas, asistimos estupefactos a un retroceso irrespectuoso no tratamento dos nosos topónimos.

 

  • Noticias relacionadas

 

Medios de comunicación radicados en Madrid (e particularmente algunha televisión de ámbito estatal) violentan sen escrúpulo ningún a toponimia galega ao empregaren formas castelanizadas propias doutras épocas, que pensabamos xa superadas, como La Guardia (referida á vila máis suroccidental do litoral galego, e non á localidade alavesa), El Cebrero, La Coruña, Oya etc., que volven desfilar con profusión ecoados pola poderosa prensa madrileña.
 
Xa hai 16 anos que no Congreso dos Deputados se aprobou a lei 2/1988 de 3 de marzo (BOE de 4 de marzo) que legalizou o cambio de denominación de dúas provincias galegas, Ourense e A Coruña; e previamente o Parlamento de Galicia, en sesión de 15 de xuño de 1983, aprobara por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística, que estipulaba no seu artigo 10.1 que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega". Non nos vale a falsa desculpa dos exónimos coa toponimia que foi deturpada torpemente durante séculos e que hoxe foi felizmente restaurada e oficializada.
 
As leis son claras e están para ser cumpridas; ademais, usando os topónimos galegos na súa forma natural evitamos confusións con denominacións semellantes noutros puntos do Estado e respectamos a identidade e a personalidade de Galicia. Volver a empregar as falsas traducións e deformacións aberrantes doutros réximes retrotráenos á máis resesa ignorancia lingüística, e queremos dubidar de que sexa aí a onde nos queren trasladar a maioría dos medios de comunicación de Madrid.
 
Desde ProLingua, plataforma apartidaria a prol da defensa e promoción do idioma galego, queremos pedirlles a eses medios respecto a Galicia e á legalidade lingüística; e aos nosos gobernantes, aos partidos políticos e á RAG e a outras institucións que teñen a obriga de defenderen o idioma galego que se manifesten con firmeza nos foros que corresponda para evitarmos as sangenjadas variadas que algúns parece que están moi interesados en reintroducir.
 
ProLingua, 14 de febreiro do 2014

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript