Febreiro de 2014
 
 

10/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  SANIDADE - SOCIEDADE
 

A venda de historiais clínicos, a guinda da privatización sanitaria

Os datos médicos dos pacientes británicos poderán venderse e comprarse a partir de marzo. O pasado mes de maio, o diario The Guardian publicaba unha información na que adiantaba os desexos do Goberno británico de mercantilizar os historiais clínicos dos usuarios da Sanidade pública. Ademais, a información xa apuntaba a un dos posibles compradores, a empresa aseguradora Bupa.

 

  • Noticias relacionadas

 

Esa venda incluirá información sensible acerca das visitas ao hospital, os tratamentos psiquiátricos dos pacientes, as estanzas nos centros e datos persoais como o código postal, sexo, idade e situación económica dos pacientes, segundo avanzaba The Guardian o pasado domingo.
 
Esta situación provocou o sinal de alarma entre os defensores do sistema nacional público de saúde polas implicacións que podería ter en España. De feito, a consultora PricewaterhouseCoopers (PwC) no seu informe Diez temas candentes para la sanidad española en 2013, xa dedica un apartado especificamente ao open data en saúde.
 
No informe de PwC, asegúrase que "a liberación dos datos que se xeran no sector da saúde e a súa reutilización, xerarán beneficios para provedores, pagadores, administración, cidadáns e investigadores". Neste sentido conclúen que "a información debe estar dispoñible como un todo e a un custo razoable" e apela a que "non" haxa restricións para certos usos como o comercial".
 
A comercialización dos historiais clínicos será posible dende que se poña en marcha un novo programa para facilitar a historia clínica electrónica a todos os centros de saúde e hospitais do Estado. Trátase dun dos eixes principais do Ministerio de Sanidade, que fixo súa unha das demandas recorrentes das aseguradoras privadas. En xuño do ano pasado, a ministra Ana Mato xa anunciou que había que asegurar que os médicos dispoñan de todos os datos de cada paciente, "veña do servizo que veña".
 
O anuncio preocupa dende entón aos defensores da saúde pública e aos colectivos que velan pola protección de datos persoais. Se as empresas privadas acceden a datos ata agora considerados confidenciais, poden comprobar as enfermidades preexistentes dos seus asegurados, estimar os riscos que presentan e valorar a súa rendibilidade, un cálculo que incide directamente na cota da súa póliza.
 
A interrelación entre a asistencia pública e privada xa é un feito. Ata oito hospitais da rede pública teñen como provedores de servizos sanitarios empresas como Adeslas, DKV, Sanitas e Asisa, tal e como recorda o voceiro de CASMadrid, Agel Navarro: "Xa se están a filtrar datos da saúde dos cidadáns, e isto pode ser perigoso porque se poden usar por parte das empresas", asegura. Neste sentido, Navarro explica que "a intención é que as mutuas patronais acaben xestionando as baixas do sistema público de saúde e así os datos estarían nas súas mans".
 
España, como Inglaterra
Os defensores da Sanidade pública alertan do perigo de que se exporte o modelo británico tamén neste sentido. Vicente Losada, da plataforma auditoria cidadá da débeda Non debemos non pagamos, sostén que "o proceso que se está a dar no Estado español é unha reprodución literal do proceso de privatización que se deu no Reino Unido, con consecuencias terribles,".
 
Para Losada, "non" é banal que en Inglaterra se estean a formular vender as historias clínicas dos pacientes ás empresas privadas xa que un dos grupos que está a facer máis presión é o Fórum PPP (Public-Private Partnership), que hai cinco anos chegou a España,".
 
Por agora, no caso das derivacións en España, as clínicas privadas non teñen o historial médico. A única información da que dispoñen é o nome e apelidos do paciente e o seu DNI. Cando lle fan unha proba diagnóstica, entréganlle en man os resultados, aínda que xa hai casos nos que se envían ao médico, o que fai sospeitar que se manexan máis datos dos pacientes.
 
Carmen Esbrí, do Observatorio de Servizos Públicos da organización ATTAC, critica o informe de PwC: "É dunha gravidade enorme xa que queren clasificar aos individuos como nunha fábrica". Ao seu xuízo, "está claro que o trazado do modelo que temos agora está moi definido polos sucesivos gobernos (mesmo nos socialdemócratas) para que isto non irrompera de xeito violento se non se permitise con leis anteriores".
 
La Marea

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript