Febreiro de 2014
 
 

10/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Acción social. A universidade racha as negociacións

Na última reunión da Mesa de Traballo articulada desde o goberno da universidade para lexitimar o recorte da acción social rompéronse as negociacións. A representación do goberno universitario non aceptou ningunha das posibilidades que se lle presentaron para “conseguir” os 163.106€ necesarios para continuar co actual orzamento da partida acción social.

 

  • Noticias relacionadas

 

A posición de partida da universidade é que o recorte é imprescindible e chega a ameazar con que, de non chegar a acordo, deixarán a matrícula e a gardería como están actualmente e prorraterán sobre os gastos dos seguros (e as opcións alternativas do PAS funcionario) o recorte previsto, reservando o diñeiro necesario para o seguro médico do PAS laboral que recolle o Convenio.
 
A representación do PAS sinalou, unha vez máis, os sacrificios realizados polo colectivo (entre outras cousas, non foi belixerante coa eliminación do intercambio vacacional, o aforro derivado da funcionarización do PAS laboral).
 
A representación da universidade rexeitou todas as posibilidades que se lle foron presentando:
 
Pasar do Capítulo I a outros capítulos parte dos conceptos da acción social. Pasar de outros capítulos diñeiro ao Capítulo I para facer fronte ao gasto da acción social. Reducir os incentivos á xubilación voluntaria que foron declarados ilegais pola Consello de Contas pero que aínda teñen unha asignación no Capítulo I de  1.070.414€. Revisar os gastos por cargos e outros servizos prestados á universidade do PDI, que se pagan con cargo ao Capítulo I dando a elixir ou ben a exención horaria ou o pago do complemento. Aforro en gasto superfluo (sen ir máis lonxe revisar o aforro que se pode realizar en calefacción, transformadores, electricidade, mantemento en xeral, etc. que no orzamento están dotados con 1.600.000€. Inversións en cambios de equipos informáticos (VDI) que están en fase de implantación e supoñen un investimento fóra de lugar neste momento)  trasladando a contía do aforro á acción social….
 
Ningunha das posibilidades resultou aceptable para a representación do equipo de goberno.
 
A representación de sindicatos e da APA rexeitou expresamente os recortes previstos.

A representación da universidade, finalmente indicou que vai a deliberar para ver que decisión toma finalmente.
 
Ábrese, polo tanto, un período no que temos que actuar sobre o goberno da universidade para reivindicarlle unha decisión que restitúa, cando menos, a partida orzamentaria dedicada a acción social as cantidades que tiña o ano pasado.
 
Algún sindicato xa tirou a toalla (recibíchedes un comunicado o venres). Nós non nos damos por vencid@s, (se non pelexásemos teriamos só os 490.000,00 € iniciais e non os actuais 724.517,25 €). Sabemos que a vontade da “progre” equipo de goberno que nos quere quitar a acción social é susceptible de ser modificada. O día 27 está previsto un novo Consello de Goberno no que é seguro que o goberno da universidade presentará a decisión tomada ao respecto. É imprescindible amosar, de novo, o rexeitamento do colectivo ao recorte que se pretende realzar nunha partida tan importante para todas/os.
 
O responsable último da decisión é o sr. Reitor, compre, polo tanto, facerlle sentir o rexeitamento que a medida produce no colectivo, debemos comunicarllo de xeito directo, non por medio de intermediarios “descoñecidos”. Temos que esixirlle que reconsidere a decisión.
 
A Xunta de PAS, único órgano de representación colectiva existente neste momento debe actuar  de xeito unitario para convocar as medidas reivindicativas que obriguen á universidade a reconsiderar a decisión que parece está tomada.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript