Febreiro de 2014
 
 

10/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  • OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Desafiuzamento no Edificio España

Durante anos asinamos contratos que tiñan demasiada letra pequena e cláusulas a miúdo marxianas. Non nos preocupamos demasiado, ata que co tempo comprobamos que esa letra pequena pesaba máis que a grande, e que as cláusulas eran puro abuso. E que o asinado podía servir para botarnos á rúa, perder a vivenda e quedar cunha débeda de por vida.

 

  • Noticias relacionadas

 

Algo así aconteceulle a Víctor Moreno, director da película documental Edificio España. No seu día asinou un contrato co banco Santander para poder rodar no seu interior, e anos despois viu como o banco desafiuzaba a súa película dos cines e festivais, acolléndose a unha cláusula que resultou ser tan abusiva como as que contiñan tantos contratos hipotecarios.
 
A historia xa a coñecerán, publicouse hai uns días aquí mesmo. Trátase da rodaxe dun documental sobre a demolición interna do emblemático Edificio España, no centro de Madrid. Cando empezou a rodar, en 2007, Moreno propúxose mirar e facernos mirar o lento baleirado dun rañaceos, a tarefa de decenas de traballadores como insectos no interior dun madeiro enfermo.
 
Pero chegou o derrubamento inmobiliario e financeiro, e o Edificio España, chamado a revivir os seus días de gloria, converteuse nunha metáfora da ruína de todo un país: un proxecto franquista que entra en decadencia ata ser un xigantesco cadáver, e que remata a súa carreira o día que a candidatura olímpica madrileña o utiliza como icona sobre a que proxectar un futuro tan fantasmal como o propio edificio.
 
En nada diso tivo nada que ver Moreno, que se limitou a poñer a súa cámara e rodar pacientemente durante todo un ano. É a realidade a que construíu a metáfora, a que converteu a súa película en algo máis, en moito máis; tanto que o banco propietario do edificio decidiu que é mellor que os espectadores non a vexamos.
 
Non obstante, a película en ningún momento menciona ao banco, nin sequera contén un discurso crítico explícito contra a banca. Se o tivese, seguiría sendo inaceptable o seu silenciamiento, pero é que ademais non o ten. Pola súa banda, o banco di que a película prexudica a comercialización do edificio. Como todos sabemos, o que desvaloriza o edificio non é unha película que, sen a polémica, vería pouca xente, senón o derrubamento do mercado inmobiliario español, do que Moreno paga o parrulo, da mesma forma que as familias desafiuzadas pagan polos excesos que outros cometeron. E se algo pode danar a imaxe do edificio e do seu propietario non é a película, senón a actitude censora do banco.
 
Usei o paralelismo cos desafiuzamentos, e paréceme oportuno. Por iso os cidadáns, da mesma forma, que nos unimos para impedir que boten á rúa unha familia deberiamos sumar forzas para evitar que un banco bote a unha película dos cines. Para empezar, podemos asinar aquí, para que o banco saiba que somos moitos.
 
A historia de España, di Moreno, construíuse con silencio e escuridade. Eu diría máis: a historia séguese escribindo con letra pequena e cláusulas abusivas. Incluídas as cláusulas de confidencialidade, que obrigan a gardar silencio, e que o mesmo banco que lla fixo incluír a Moreno como condición para chegar a un acordo, xa a impuxo no seu día aos que compraron os seus produtos tóxicos.
 
Déixenme rematar cun pouco de autobombo, neste caso merecido. Sabemos que hai medios de comunicación que tamén parecen ter cláusulas de confidencialidade, as súas propias hipotecas polas que temen ser desafiuzados, e que en ocasións silencian noticias que afectan ao Poder con maiúsculas, é dicir, o poder económico. Debemos celebrar que este medio, eldiario.es, non atenda letra pequena nin cláusula ningunha, e fose o primeiro en contar este asunto. Independencia, chámase.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript