Febreiro de 2014
 
 

03/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  SANIDADE PÚBLICA
 

ONG esixen que se restableza o dereito á sanidade aos emigrantes

Rede Acoge, Amnistía Internacional, Médicos del Mundo e CESR esixen ao Goberno que restableza o dereito á sanidade dos inmigrantes en situación irregular e dea cumprimento así ás súas obrigas internacionais, despois de que o Consello de Europa advertise ao Executivo español de que a exclusión deste colectivo contravén a Carta Social Europea en materia de dereito á saúde.

 

  • Noticias relacionadas

 

Esta medida, adoptada no Real Decreto de Sostibilidade do Sistema Sanitario aprobado en abril de 2012, deixou fóra da atención primaria a todos os estranxeiros maiores de 18 anos sen permiso administrativo para residir en España, exceptuando as mulleres embarazadas. Para o Consello de Europa, trátase dunha medida "regresiva" que implica unha redución dos dereitos recoñecidos pola convención asinada por España.
 
"O Goberno de España vén ignorando de xeito reiterado as directivas e recomendacións dos mecanismos internacionais. Dende que se aprobou a reforma sanitaria foron varios os mecanismos internacionais de protección de dereitos humanos que subliñaron que esta contravén os estándares internacionais en materia de dereitos humanos e solicitaron a España a modificación", explican as ONG.
 
Tanto o Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de Nacións Unidas coma o Relator Especial de Nacións Unidas sobre formas contemporáneas de racismo, discriminación racial, xenofobia e outras formas conexas de intolerancia e o Comisionado Europeo de Dereitos Humanos dirixíronse a España neste sentido dende que se reformou a lexislación, igual que agora o fixo o Comité que supervisa a Carta Europea de Dereitos Sociais que sustenta o Consello de Europa.
 
Por iso, instan ao Goberno a modificar as leis que contraveñen a Carta Social Europea en materia de dereito á saúde e a "poñer fin ao retroceso dos dereitos sociais de todas as persoas que viven no territorio español con independencia da súa situación administrativa e sen discriminación ningunha".
 
Así mesmo, solicitan a todas as autoridades nacionais encargadas de vixiar e facer cumprir as normas de dereito internacional e europeo ás que se comprometeu España en materia de dereitos sociais a realizar "un labor máis eficaz no escrutinio das políticas e medidas adoptadas polo Estado".
 
Axencias

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript