Febreiro de 2014
 
 

03/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA
 

Eurodeputados piden á UE medidas contra a discriminación de galego, catalán e vasco

Un grupo de eurodeputados veñen de reclamar á Comisión Europea que tome medidas para evitar as discriminacións lingüísticas e que estas sexan consideradas tan graves como as sufridas pola orientación sexual, a relixión ou a orixe étnica.

 

  • Noticias relacionadas

 

Os sete europarlamentarios, e tendo en conta varios casos sobre a situación do galego, o éúscaro ou o catalán en España, solicitan que se modifiquen algunhas directivas existentes para incluír provisións sobre as discriminacións lingüísticas, ou ben que se elabore unha nova "sobre a aplicación do principio de non discriminación por razón de idioma".
 
Así o explicaron os sete eurodeputados -cataláns e vascos- en rolda de prensa. Sete parlamentarios que representan ao PSC (Maria Badia e Raimon Obiols), CiU (Salvador Sedó e Ramon Tremosa), ICV (Raül Romeva), PNV (Izaskun Bilbao), pero tamén a Aralar, BNG e ERC, a través de Iñaki Irazabalbeitia, representante agora do grupo de Europa dos Pobos e cuxo escano ocupaba ata hai uns meses a eurodeputada do Bloque Ana Miranda e, anteriormente, o actual secretario xeral de Esquerra, Oriol Junqueras.
 
A súa carta de queixa foille enviada á comisaria de Xustiza e Dereitos Fundamentais e Cidadanía, Viviane Reding, así como á de Educación, Cultura Multilingüismo e Mocidade, Androulla Vassiliou, e foi apoiada tamén polo presidente o do intergrupo sobre Minorías e Linguas, o socialista húngaro Czaba Tabajdi. Nela denuncian que "desafortunadamente, nalgúns estados membros, hai unha politica de discriminación sistemática da lingua que require unha resposta legal a nivel europeo".
 
Os eurodeputados consideran "unha disfunción" que "a lexislación da UE prohiba e combata a discriminación por orientación sexual, relixiosa ou étnica, pero non nos casos nos que os cidadáns son discriminados por motivos de lingua". Badia (PSC) destacou ante a prensa que "no Tratado de Lisboa se establece o tratamento igualitario para todos os cidadáns da UE", pero "nin o tratado nin a normativa que o desenvolve cobre a discriminación por razón de idioma".
 
Romeva (ICV) e Sedó (Unió) tamén destacaron que, aínda que Europa debe dar respostas á discriminación lingüística, "antes hai que pedir protección dentro do Estado", en referencia ás discriminacións que as linguas minoritarias sofren en España. De feito, a Plataforma per la Llengua catalá presentou un informe sobre corenta casos de discriminación lingüística do catalán, principalmente por parte das administracións.
 
O propio Romeva recoñeceu a súa "frustración" logo de dez anos de loita polo uso oficial do catalán na Eurocámara e Tremosa (CiU) denunciou que xa remitiu "máis de dez cartas á Comisión" sobre discriminación lingüística, pero que o Executivo comunitario "sempre lavou as mans neste asunto".
 
Os eurodeputados propoñen modificar a directiva 2000/78/EC de novembro de 2000 sobre igualdade de trato no mercado laboral para engadirlle que tampouco se poderá discriminar un traballador ou un candidato nunha entrevista polo feito de falar unha determinada lingua. Tamén queren incluír a lingua na proposta da directiva europea para "implemetar o principio de igualdade de trato entre persoas, independentemente da súa relixión ou crenza, minusvalía, idade ou orientación sexual". Ademais, piden á Comisión que artelle unha directiva específica sobre a non discriminación lingüística, baseándose no artigo 21 da Carta de Dereitos Fundamentais.
 
Praza Pública - Miguel Pardo

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript