Febreiro de 2014
 
 

03/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Consello de Goberno do 30/01/2014

O pasado día 30 realizouse unha nova reunión do Consello de Goberno, xuntamos a orde do día, como é habitual, aínda que non se contemplaba ningún punto que se referise expresamente ao PAS, aproveitamos para trasladar as preocupacións do colectivo.

 

  • Noticias relacionadas

 

A presidenta da Xunta de Persoal funcionario fixo as seguintes intervencións respecto do orzamento destinado no 2014 á acción social do PAS e das vacantes que se inclúen no concurso de méritos de PAS funcionario:

 

Respecto da Acción Social, reiteroulles a petición feita á Xerencia, por acordo da Xunta de Persoal, de que se manteñan as prestacións por acción social igual que no 2013, que se faga un esforzo para manter o seguro de ADESLAS xa que a súa cancelación suporía un grave prexuízo tanto para o colectivo como para a universidade pola indemnización que tería que asumir.
 
Tamén manifestou a súa disconformidade coa convocatoria da Mesa de Traballo de acción social, ao considerar que non é representativa de todo o colectivo.
 
Finalmente deu traslado ao equipo de goberno dunha consulta recibida respecto do orzamento aprobado pola Universidade para o 2014:
“¿Por qué foi necesario reducir o orzamento na partida de Acción Social para 2014 se entre o liquidado en 2013 (uns 83.500.000€) e o orzado para 2014 (83.871.898,07€) hai unha diferenza duns 371.000€, tendo en conta que coa funcionarización dos compañeiros laborais a Universidade xa aforra mais de 200.000€ en 2014?”
 
A todo isto o xerente solo contestou que está convocada unha reunión para o venres día 31 desa mesa de traballo para tratar as prioridades de acción social dos colectivos de PAS e PDI e que intentarán que os "acordos" aos que se chegue nela e as prioridades en acción social non sexan prexudiciais para os recursos da Universidade.
 
Tamén interveu a vicerreitora de planificación económica e Infraestruturas xustificando a redución en Acción Social en que os gastos de persoal aumentan, pola antigüidade por exemplo, o incremento vexetativo, e hai que asumir este incremento. Ademais sempre hai flutuacións no cadro de persoal que fai que non sexa posible orzar ao céntimo estas partidas orzamentarias.
 
Respecto do Concurso de Méritos, Nuria Vieira solicitoulles que se poidan cubrir "a resultas" todas as prazas que xa está previsto que quedarán vacantes antes da resolución do mesmo, (polo menos 3) xa que debe procurarse sempre a cobertura das prazas con carácter definitivo porque de non facelo así  habería que cubrilas polo sistema provisional de comisión de servizos.
(Xa sabemos que este sistema crea serios inconvenientes en prazas de especial responsabilidade, polo límite temporal que leva implícito.)
 
A resposta do xerente foi que previsiblemente a convocatoria do Concurso se  publicará o luns día 3 de febreiro e soamente se adxudicarán "a resultas" as que se produzan despois da adxudicación das vacantes que se inclúen no anexo da convocatoria, que non se adxudicará ningunha outra que quede vacante despois da convocatoria do concurso. Ademais cree que é necesario facer unha revisión do cadro de persoal tendo en conta as restricións orzamentarias actuais. (¿...?)
 
Ao respecto do concurso o xerente tamén informou que logo das queixas recibidas na Xerencia respecto da aplicación da fase de méritos específicos para os postos de nivel 25 se enviou unha corrección de erros ao DOG  onde se establece a aplicación da fase de méritos específicos só para os postos do nivel 28, deixando para o vindeiro concurso aberta a posibilidade de aplicala aos postos de nivel 25 cando se facilite ao persoal a formación necesaria (segundo el) para a elaboración de memorias.
 
Ademais destes dous asuntos, no referente ao PAS, o Xerente informou do seguinte:
 
Que en decembro de 2013 remataron os procesos selectivos de 67 prazas de persoal laboral fixo.
 
Que en xaneiro de 2014 se funcionarizaron 192 PAS procedentes do Corpo de PAS laboral fixo. Os 68 restantes entrarán dentro da 2ª fase do proceso de funcionarización
 
Que o luns 3 de febreiro se constituirá a Mesa para a celebración das eleccións de representantes do Comité de Empresa

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript