Febreiro de 2014
 
 

03/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE: ACCIÓN SOCIAL
 

Carta aberta ao reitor da Universidade da Coruña

Publicamos a carta aberta que unha compañeira remite ao sr. reitor da universidade, polo seu interese e extensión, no canto de publicala no apartado correspondente facémolo como un artigo máis.

 

  • Noticias relacionadas

 

Sr. Reitor,
 
Durante o pasado mes de decembro, o PAS mostramos unanimemente o noso desacordo coa proposta de rebaixar a consignación da Axuda Social nos Orzamentos de 2014.
 
Nin o Consello de Goberno nin o Consello Social escoitaron a nosa petición e os Orzamentos foron aprobados o 19/12/2013 xustificando así o recorte: “A necesidade de equilibrar o orzamento cada vez máis axustado, leva á necesidade de reducir a acción social do persoal a 490.000€”
(páx. 5).
 
E isto a pesar de que na Valoración Global do Orzamento vostedes manifestan: “O orzamento cae en 2014 por debaixo dos 115 millóns. A meirande parte desta caída está asociada ao  Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego (PFSUG)  que acumula máis de 12,5 millóns de euros de baixada desde 2009. As constantes rebaixas dos salarios do persoal non cobren, nin deben facelo, a deterioración do financiamento...”
 
Vostede, no seu programa electoral  propoñía e defendía:
 
08.1 O persoal de administración e servizos é parte esencial da Universidade da Coruña.
Por tal razón, na última reforma dos Estatutos da Universidade propugnamos unha suba da súa porcentaxe de representación nos órganos de goberno, que pasou do 5% ao 9%, isto é, un aumento substancial para que a súa voz teña máis peso nas decisións colectivas.
 
Na concepción da universidade como servizo público de calidade, o persoal de administración e servizos ten que constituír unha base ampla e sólida que garanta a xestión directa e eficaz dos servizos. As políticas de recortes indiscriminados e de suposto adelgazamento da administración non son as nosas. O reto é, hoxe e aquí, a defensa consciente e eficaz dos actuais postos de traballo fronte a calquera ameaza das que se debuxan no horizonte inmediato.
 
Para alén disto, toda institución debe contar cun contorno laboral que motive os seus integrantesEn consecuencia, reforzarase a liña de formación, de cualificación e de promoción do persoal de administración e servizos. Do mesmo modo, acreditamos firmemente en que o diálogo e a negociación deben continuar a ser parte esencial do funcionamento da institución.
 …
• Actualización da acción social.
 
Apelamos, como vostede, ao diálogo e á negociación, e pedímoslle que busque unha solución que evite o recorte na Acción Social do Persoal. Solución que é posible xa que representa un 0,42% do Orzamento.
 
Somos conscientes de que é moi complicada a situación actual, que dependemos do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego, pero non é menos certo que, cos recortes ao PAS, non se pode manter a Universidade.
 
O Art. 99 dos Estatutos
  (PAS) dispón  que “...as retribucións básicas e complementarias non poderán ser inferiores na súa contía ás previstas para o diversos corpos e escalas existentes na Comunidade Autónoma de Galicia ou noutras administración”.
 
Por último e non por iso menos importante, consideramos como vostedes, xa que así o reflicten na base 14.3 dos Orzamentos (páx. 63):
“Os créditos destinados a gastos socias... destinaranse a gastos desta natureza escoitada a opinión ou tida en conta a proposta da Xunta de Persoal, do Comité de Empresa...”, que as negociacións deberían manterse cos nosos órganos de representación legal que, segundo o art. 100 do Estatutos, son a Xunta de Persoal de Administración e Servizos e o Comité de Empresa.
 
Confiamos firmemente en que o diálogo e a negociación deben continuar a ser parte esencial do funcionamento da institución, da nosa Universidade.
 
Un saúdo.
A Coruña, 3 de febreiro de 2014

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript