Febreiro de 2014
 
 

03/02/2014

   CUTUDC / Novidades

  • OPINIÓN . Isaac Rosa
 

A outra herdanza recibida

Tanto queixarse Rajoy da herdanza recibida de Zapatero, cando a que de verdade lle esmaga dende hai anos é outra herdanza tamén recibida e máis ineludible que aquela: a herdanza deixada por Aznar, o PP aznarista que dez anos despois segue dándolle desgustos.

 

  • Noticias relacionadas

 

Primeiro na oposición, e agora no goberno, Rajoy leva anos aguantando desplantes do ex presidente e a súa xente. Non só iso: todo aquilo que máis danou o PP ante os seus votantes forma parte do mesmo fardo, a herdanza aznarista recibida.
 
Empezando polo propio Aznar e o seu rancor unha e outra vez ladrado polas esquinas; continuando pola súa inepta señora, que á fronte do concello conseguirá que o PP perda a alcaldía tras máis de vinte anos; e seguindo polos restos da corte aznarista que, aínda que xa fóra da primeira liña, seguen molestando o seu, como Esperanza Aguirre ou o agora apartado Maior Oreja. Os versos soltos, os nostálxicos, os gardiáns das esencias, a incontrolable FAES, ou a extrema dereita que ata agora se sentía na casa: todos eles quedaron tras a marcha do líder, e foron sempre máis leais ao ex presidente que a Rajoy.
 
Herdanza recibida son tamén a política antiterrorista, a relación cunha parte das vítimas de ETA, a paranoia post 11 M, ou o discurso monolítico cara a Cataluña. É certo que Rajoy non se esforzou demasiado por cambiar o paso, pero non sabemos se por convicción total ou ademais por medo a que, como lle acontece agora, en canto afrouxa un pouco mórdeno os seus, ou márchanlle dun portazo e móntanlle un partido á dereita da dereita da dereita.
 
Ao legado de Aznar habería que apuntar tamén boa parte da corrupción que hoxe enlama o partido, dende Bárcenas e as contas en B, á Gürtel retratada no álbum de voda dos Aznar-Botella, pasando polos escándalos autonómicos e locais que estalaron agora pero que se incubou moitos anos atrás. Non sabemos se de verdade Rajoy quixo romper con esas prácticas cando tomou as rendas do partido, como sostén a versión Cospedal: pero a el tocoulle comer todos os marróns e sapos, aínda que se os encontrase no caixón ao chegar ao despacho presidencial de Xénova.
 
Por último, a Aznar tamén pode agradecer Rajoy o "fogo amigo" daqueles medios e xornalistas que, sendo de dereitas, levan anos fustrigando a Rajoy por débil, e comparando unha e outra vez a súa floreza coa enteireza rochosa de Aznar. O primeiro, este Pedro J. Ramírez que agora Rajoy se quitou de enriba, e que, malia o escandaloso de que un goberno manobre para controlar un medio crítico, poucas razóns ten para presentarse como un mártir da liberdade de expresión.
 
Mesmo boa parte da herdanza que Rajoy adxudica a Zapatero, a dos problemas económicos, habería tamén que repartila cos gobernos de Aznar, que tanto fixeron por inflar a burbulla de ladrillo, vender recursos públicos que hoxe nos virían de perlas, consentir o despelote nas caixas de aforro (co seu amigo Blesa á cabeza), e deixar o país desgornecido para cando chegasen os malos tempos.
 
Din que agora por fin, coa saída dalgúns ex populares cara ao novo partido Vox, o desplante ruidoso de Aznar, e o afastamento dunha parte das vítimas, é cando Rajoy rompe de verdade co pasado e poderá camiñar algo máis lixeiro, sen sentirse esmagado pola herdanza recibida.
 
Pero claro, o drama de Rajoy é que pouco pode queixarse da herdanza recibida, e nunca rematará de afastarse de todo, porque el mesmo é parte desa herdanza recibida.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript