Xaneiro de 2014
 
 

27/01/2014

   CUTUDC / Novidades

  MOVEMENTOS SOCIAIS
 

Comunicado dos Movementos Sociais de Vigo ante as detencións en Vigo, Lugo e Ciudad Real

Desde os movementos sociais de Vigo queremos denunciar a grave escalada represiva que se está a dar nos últimos tempos contra todos os sectores populares.

 

  • Noticias relacionadas

 

Non nos referimos unicamente á súa plasmación no papel na nova reforma do código penal e lei de “seguridade” cidadá, senón á evidencia real, a pé de rúa, que se pon de manifesto nunha presenza policial cada vez maior, no incremento de identificacións e cacheos indiscriminados ou nas actuacións sobre calquera tipo de colectivo que tente alzar a voz para defender os seus dereitos.
 
Pero nestes días debemos resaltar especialmente as operacións mediáticas, como a levada a cabo esta pasada semana nas cidades de Vigo, Lugo e Ciudad Real, que teñen como único obxectivo crear alarma social ao tempo que estender o medo.
 
Consideramos totalmente inxustificado, e de todo punto inaceptábel, que se deteña e traslade a centos de quilómetros das súas casas a unhas persoas, baixo o argumento de ter provocado uns danos cualificados, incluso no seu momento, como non graves. E non só isto, senón que se difunden as súas facianas e datos sobre a súa vida, nun exercicio máis, por parte dos medios, de actuar como simple correa de transmisión da policía e o Ministerio de Interior, deixando de lado calquera tipo de rigor informativo, suposta ética xornalística ou respeto á intimidade.
 
Parece que unha alfombra queimada e uns vidros rotos, únicos danos reais dos que eses mesmos medios falan, son motivos suficientes a día de hoxe para acabar en Madrid. Porque, a fin e ao cabo, os feitos son o que menos importa. A aplicación da lei antiterrorista “lexitima” calquera actuación, permite a suspensión dos dereitos básicos de calquera persoa e pode levar á imposición de décadas de prisión por pertenza a supostas bandas armadas das que, en moitos casos, só se coñece a súa existencia a golpe de exclusiva periodística.  
 
Non é ningunha novidade a actuación da Audencia Nacional, en tanto que  auténtico tribunal de excepción,  pero si que a súa intromisión na esfera do público sexa cada vez maior, polo que se fai necesario esixir, unha vez máis, a súa inmediata desaparición.
 
Alegrámonos, finalmente, de que, aínda que non totalmente libres, estas persoas estean xa na rúa o que, por outra banda, pon de relevo o esperpéntico de toda actuación.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript