Xaneiro de 2014
 
 

27/01/2014

   CUTUDC / Novidades

  • OPINIÓN . Isaac Rosa
 

A xeración perdida non mola

Algún xenio do storytelling político debeu de inventar o da "xeración perdida", que tanto éxito tivo e todos repetimos cando falamos dos mozos golpeados por isto que chaman crise.

 

  • Noticias relacionadas

 

Baixo o seu significado negativo, recoñeceranme que o de son da xeración perdida" soa cool, ten algo da tan prestixiada estética do perdedor, e evoca escritores borrachos en París e roqueiros malditos. Ninguén se poñería unha camiseta que dixese "Son da xeración empobrecida e saqueada", nin "Cando deixe de ser novo seguirei sendo precario". En cambio, unha chapa da xeración perdida póñoma ata eu. E se enriba cho di en inglés un organismo internacional ou un medio estranxeiro, xa é que che entran ganas de formar un grupo punk ou escribir unha novela desesperada: the lost generation.
 
Pois non, oian: aínda que soe chulo, ser da xeración perdida non mola nada. Pero nada. Novos, esquecede as telecomedias e o cine independente: vós non sodes eses.
 
A EPA de onte, por exemplo, funciona como foto de grupo da xeración perdida (na que entran por igual os vinteañeiros e os primeiros corentóns). E a imaxe resultante non é como para facerse un póster: unha taxa de paro xuvenil terrorífica (e non son eu o que elixe o adxectivo), menos poboación activa moza e menos poboación nova en xeral (como nunha posguerra, imos), aumento do tempo parcial. É dicir, un mercado laboral que para os mozos (e os non tan novos que tamén se perderán) só ofrece precariedade ou emigración. Non estrañe que, os que non se van, digan que aceptarían o que lles boten, pois calou o discurso de "mellor un traballo lixo que non ter traballo".
 
Decátase a xeración perdida de ata que punto está de verdade perdida, botada ao recolledor de lixo do século? Comprenden os mozos que o de xeración perdida non son uns anos fodidos e a esperar os bos tempos, senón botar a perder toda a vida? Se un é xeración perdida, pódeo ser xa para sempre.
 
Dito con crueza: ao paso que imos, e se nada cambia, a xeración perdida deixará atrás a xuventude precaria para converterse en adultos precarios (e en nais e pais precarios), ata alcanzar unha vellez tanto ou máis precaria. Ou que esperan? Ter pensións dignas cando se xubilen? Esperan sequera xubilarse? Cantos anos cren que van cotizar, e por que contía? E cantas contrarreformas de pensións poden caer nos próximos trinta ou corenta anos?
 
E a precariedade, vivir a salto de mata, compartir piso ou pedir diñeiro á familia pode ter a súa graza con vintetantos, pero aos corenta é moi triste, e a partir de aí é todo costa abaixo. Dicir con setenta anos que es da xeración perdida dará para unhas risas, pero non propias.
 
Así é, amigos: a xeración perdida non mola. Xa podedes asumilo, entender a magnitude do que está a pasar, e empezar a gamonalear máis a miúdo, porque o que está en xogo non é precisamente unha praza de aparcadoiro.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript