Xaneiro de 2014
 
 

20/01/2014

   CUTUDC / Novidades

  • OPINIÓN . Isaac Rosa
 

A resistencia vai por barrios

Arden uns colectores nunha rúa de Burgos, e todos saltamos da cadeira de brazos. Empezou o estalido social, o que algúns levan tempo temendo, o que outros esperan para que todo cambie de pronto, o que a prensa estranxeira parece botar de menos cada vez que se pregunta por que España non arde!.

 

  • Noticias relacionadas

 

En realidade o que nos pasa é que estamos pouco afeitos a ver escenas como as vistas en Gamonal. Aínda que os da porra insistan en alertar da deriva violenta de toda protesta, ata o ministro do Interior debería recoñecer que en España arderon moi poucos colectores e se tiraron moi poucas pedras en máis de cinco anos de saqueo e corrupción.
 
Por iso cando de pronto hai unha cacharela, todos corremos a remover as cinzas fumegantes, cada un buscando o seu: uns, a faísca da gran revolta que non acaba de chegar. Outros, a confirmación de non hai problemas sociais senón só problemas de orde pública, e o que fai falta é máis represión.
 
Pero sen chegar a queimar nada (e os propios incidentes de Burgos foron moito menos do que berran uns e outros), o sucedido en Gamonal ten puntos en común con outros estalidos recentes: todos son de pequena escala, e aparentemente por razóns non tan graves (non tanto como os grandes recortes e contrarreformas), e non obstante provocan unha inflamación cidadá que non se consegue con outras causas que en principio deberían provocar grandes incendios.
 
En Gamonal son os veciños que non queren deixar a súa rúa en mans dos corruptos de sempre, nin quedar sen aparcadoiro (e os que vivimos en barrios apertados entendemos ben o que iso significa). Noutros barrios e pobos son veciños que se encerran nun ambulatorio para que non boten dous médicos, ou que bloquean un derrubamento, paralizan un desafiuzamento, apupan un alcalde de visita, salvan unha festa popular ou se reapropian de instalacións abandonadas ou pisos baleiros.
 
De cando en vez, como en Burgos, a gota enche o vaso e desbórdase onde menos o esperabamos. O que proba que a temperatura na rúa segue sendo alta, aínda que nalgunhas zonas aparente arrefriamento, e fai que os gobernantes se coiden moito de tirar mistos en charcos de gasolina que parecen pequenos. O do Gamonal demostra outra vez que a xente non está para bromas, que estamos á que salta, que non pasamos unha... na nosa rúa.
 
Porque episodios como o de Gamonal e outros recentes poden indicar que a resistencia cidadá se repregou, que nos estamos a atrincheirar. Nas nosas casas, nos nosos barrios, nas nosas comunidades que estamos dispostos a defender con uñas e dentes. Talvez non poidamos opoñer forza abondo contra a privatización sanitaria, os recortes sociais ou a lei do aborto, pero pola nosa rúa non pasarán. De aí o rearme que está a coñecer o movemento veciñal, e as asembleas de barrio que xorden por todas as partes, algunhas continuadoras do 15-M (recordan cando deixaron a Porta do Sol para irse aos barrios? Pois aí seguen moitos).
 
Usando unha metáfora bélica, somos como eses pobos que, incapaces de plantar batalla en terreo aberto, esperan o inimigo no territorio onde saben defenderse, xa sexa a xungla ou o suburbio. Resistencia de guerrilla, a partir da conciencia das nosas propias forzas. Non temos moito para combater as armas de destrución masiva que nos lanzan en forma de decretos, pero se queren ocupar a nosa rúa terán que conquistala casa por casa.

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript