Xaneiro de 2014
 
 

14/01/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Naceu a universidade concertada

Non sabemos se é parte da reforma universitaria auspiciada por Wert, pero o que é evidente é que as universidades públicas españolas comezan a aprobar presupostos nos que case o 50% debe de ser xerado directamente por elas. A suba de taxas universitarias vai asociado a este novo modelo.

 

  • Noticias relacionadas

 

Sen financiamento non hai excelencia
 
Si, xa o sei, isto é un blog de ciencia. Como outras veces nos asalta a dúbida, e nos parece que como dicía Soulé ao definir a Bioloxía de Conservación: é unha ciencia de crise que esixe respostas (Soulé, 1985 What is Conservation Biology, Bioscience). Pois iso, son momentos excepcionais dos que non podemos escapar. Así que falar de ciencia deixámolo para outro post. Ou non. Á fin e ao cabo a calidade e o éxito da nosa investigación dependen de como a financiamos.
 
Estamos a asistir ao nacemento da universidade concertada de facto (a nomenclatura é nosa e non está patentada). Como non podía ser doutra forma, a Comunidade de Madrid constitúe unha punta de lanza nesta cruzada por alcanzar novos escenarios de degradación do público. Si, sei que soa raro, pero como podemos denominar ao feito de que os recén aprobados presupostos da Universidade Rei Juan Carlos (ou URJC, unha das seis universidades públicas da Comunidade de Madrid) contemplen que dos 110 millóns de euros de presuposto para o ano 2014, a chilindrada de 47 millóns son ingresos propios e o resto de transferencia corrente? Aprobouse neses termos. O Consello de Goberno da devandita universidade dixo que si. Que remedio?, como as lentellas, se queres ben, e senón déixalas.
 
O de ingresos propios é un pequeno eufemismo, dado que na súa gran maioría trátase de ingresos vía taxas e matrículas dos alumnos. É dicir que a URJC debe xerar preto da metade do que necesita para manter todos os seus servizos. É unha situación absolutamente nova na historia da universidade pública española onde os ingresos propios ata hai un par de anos nunca se achegaran a un 15% dos presupostos totais. Non sabemos, quizais é unha das ideas que a reforma que ten en carteira o noso sempre reverenciado ministro Wert pronto esgrimirá ( ver o artigo de Prado Campos en diario.es).
 
Como podemos denominar unha Universidade Pública que debe buscar case o 50% dos seus ingresos? Concertada? vamos, que o Estado lle mantén a etiqueta de pública, pero á hora da verdade gasta moi pouco no seu financiamento e as institucións deben buscarse a vida. É un modelo creativo non? En realidade hai pouca marxe. Só mediante o ingreso de alumnos e o mantemento ou suba das taxas se pode manter este equilibrio orzamentario ao límite.
 
Se como consecuencia das sacrosantas leis do libre mercado a cousa se fai insostible e a viabilidade non é posible porque os rapaces non se matriculan ou simplemente non poden pagar, entón pechamos e confirmamos o que sempre dixemos... isto da Universidade Pública é imposible e caro. A Universidade Privada será a solución. A pesar de ser máis cara ou de peor calidade (ou as dúas cousas). É un modelo xa probado na Comunidade de Madrid. As escolas infantís privadas exhiben xunto aos seus nomes a bandeira da Comunidade de Madrid de xeito case indistinguible das enteiramente públicas. En teoría os seus ingresos proveñen en gran parte das cotas dos alumnos. Non obstante os pais adoitan recibir unha axuda que non reciben os que levan aos seus nenos ás públicas. De feito, cando se pon na balanza esa axuda, os requirimentos de maior número de profesores por aula e a restrición ao horario ampliado, estas últimas resultan de facto máis caras para o presuposto familiar.
 
Cunha sociedade anestesiada e unha universidade pública dividida e insolidaria, o futuro é negro. Acostumámonos a aceptar as cousas máis incribles sen un indicio de queixa ou protesta, especialmente neste escenario de suposta crise económica. Todo o que nos cae é a consecuencia incómoda de vivir por enriba das nosas posibilidades, pero é necesario para saír dun burato no que nos metemos por abandonar a senda neoliberal. Verdade que vos soa? Sorprendente, polo menos para os que traballamos con dedicación exclusiva e monástica á universidade e á ciencia.
 
A nosa produtividade científica (en termos de publicacións) estivo moi por enriba da maioría de grupos e países do noso ámbito, con moito menos diñeiro, con menos infraestruturas, con soldos ínfimos e coa ilusión de estar a mover este país dende o público. Soa obsoleto, pero criamos servidores públicos e considerabámonos ferramentas para a xustiza social. Cagámola. Fomos demasiado bos e iso non era bo. O mercado quere outra cousa.
 
Quitarnos directamente de diante é aínda hoxe imposible. A estratexia é pechar o fluxo e que nos sequemos sós. A universidade concertada é só un paso. O final é o deserto privado e a universidade dirixida. E todos sabemos quen ostenta a gran maioría da educación concertada en España, e como a utilizou tradicionalmente para adoutrinar. Sabendo que Cuéntame coceuse nas ceas que Aznar daba na Moncloa ( polo menos segundo o expresidente), podémonos imaxinar que camiño estamos a desandar.
 
Adrián Escudero / Joaquín Hortal / Jordi Moya / Miguel Angel Rodriguez-Gironés / Luis Santamaría / Fernando Valladares

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript