Xaneiro de 2014
 
 

14/01/2014

   CUTUDC / Novidades

  CONSUMO
 

Rebaixas en roupa subvencionada

Inicio de rebaixas no Estado Español. As grandes cadeas de moda e confección esperan vender moitos dos artigos que quedaron nos estantes durante a tempada de inverno.

 

  • Noticias relacionadas

 

O que non se venda en período de rebaixas enviarase aos comercios especializados en desfacerse dos excedentes e en facilitar que mesmo as persoas que non poden permitirse as marcas de prestixio vaian uniformadas. Segmentación temporal do mercado. O mesmo produto págase a diferentes prezos en función da novidade. O luxo redúcese a ser o primeiro ou a primeira en vestir unha peza determinada. Nada novo, a moda é así, non?
 
O que tampouco se vende nos outlets pode ter diferentes destinos en función das políticas da empresa: pódese enviar a mercados "menos esixentes", pódese dar a organizacións caritativas ou pódese incinerar. Sexa cual sexa a cantidade de roupa que non chegue a ser comercializada no seu mercado primario (na tempada para a que foi fabricada), os beneficios das grandes empresas non entenden de crise. Inditex, a primeira empresa do sector a nivel internacional, bateu o seu record o 2012 con máis de 2.300 millóns de euros de beneficios netos. Amancio Ortega, o seu fundador, recibiu uns dividendos de 830 millóns de euros. A Inditex, non lle afecta a crise, pecha 61 tendas en España supostamente por "apostar por locais máis grandes". O certo é que o mercado patrio non lle resulta interesante ao grupo de Ortega. Ante a caída da capacidade de compra dos consumidores españois, mellor pregar velas e abrir 79 novas tendas en Europa, 54 en América e 107 en Asia.
 
A empresa catalá Mango tampouco debe preocuparse demasiado pola crise e pola decrépita situación da economía española. No ano 2012 incrementou os beneficios nun 79% respecto ao exercicio anterior, alcanzando os 113 millóns de euros netos. Solto ao lado das cifras do imperio Zara, pero a marca ten un volume de negocio e uns resultados que a sitúan na elite global. Non en van, Isac Andic posúe a cuarta fortuna de España.
 
Estes negocios non crecen e mantéñense a base de facer regalos. As rebaixas e os outlets son ferramentas que permiten expandir o seu dominio no mercado e converter a moda nun oligopolio. Poden reducir os prezos ata límites ridículos e segue contando cada venda como novos beneficios aproveitando economías de escala, aparatos loxísticos precisos e gozando de importantes subvencións. Si, os produtos que compramos a prezos de ganga nos centros comerciais son subvencionados por Salma, que traballa 11 horas diarias durante 6 días á semana por 190 euros ao mes en Tánxer (Marrocos). Subvencionados por Chandra, que fai 12 horas diarias durante 6 días á semana a unha fábrica de Dhaka (Bangla Desh), por uns 34 euros ao mes. Ou por Joran, que cos seus 50 euros ao mes xa hai meses que non envía diñeiro á familia.
 
As cadeas de subministración das grandes marcas espremen ás traballadoras e aos traballadores ata extremos difíciles de comprender dende as sociedades de compradores e compradoras (xa sexa europeas, chinesas, brasileiras ou tailandesas). As vidas destas traballadoras, que serán expulsadas do mercado laboral non máis tarde dos 35 anos de idade, son unha repetitiva sucesión de xornadas extenuantes. Non se pode aforrar, non se poden facer plans, só conta a supervivencia e conseguir un magro salario para sacar adiante á familia.
 
Non obstante, polas noites e os domingos, hai unha infinidade de grupos de obreiros e obreiras que se organizan para loitar polos seus dereitos. Que sacan forzas para saír á rúa, para crear caixas de resistencia, facer folgas, enfrontarse á policía e os matóns da patronal, e para buscar solidariedade internacional. Se elas e eles teñen esperanza, sénteste en condicións de seguir encontrando escusas e dicindo que ti non podes cambiar nada?
 
-------
Máis información sobre a situación dos salarios no mundo da confección e as propostas políticas dos traballadores e as traballadoras na web da Campaña Roupa Limpa: http://www.ropalimpia.org/es/
 
[Artigo publicado orixinalmente en catalán na web da Campanya Roba Neta]

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript