Xaneiro de 2014
 
 

14/01/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN, Angel Cappa
 

Mexan por nós e dinnos que chove

A pesar de que a forza de paus estamos afeitos, non podemos deixar de asombrarnos polas mentiras cotiás que o poder fabrica coa intención de escondernos a realidade, de facernos pensar como eles queren que pensemos. Cando miles de mozos deixan o país por falta de traballo e de futuro, dinnos que non se trata de emigración laboral, senón de mobilidade exterior, e tamén do espírito de aventura propio da xuventude inquieta.

 

  • Noticias relacionadas

 

A putada en Educación deixou sen traballo miles de mestres. Ademais, nas escolas públicas tiveron que agrupar moitas clases sumando en cada unha a ao redor de 30 alumnos, aínda que nos din que ese amontoamento forzado permitirá a sociabilidade dos nenos.
 
A xente que non pode pagar unha ou dúas cotas das hipotecas das súas casas debido á crise que os golpeou brutalmente é desafiuzada sen miramentos e coa policía. Dos miles de millóns de euros que o Estado (cada un de nós) utilizou para o rescate dos bancos coa promesa de devolución, xa anticiparon que 36 mil millóns non os devolverán nunca, e dinnos que a lei é igual para todos. Hai decenas de exemplos polo estilo, pero creo que unha pintada que Eduardo Galeano viu nunha parede dun barrio de Bos Aires pode servirnos como resumo aclaratorio do que está a suceder. A pintada, xa moi coñecida, dicía: "Méxannos e din que chove".
 
A verdade é que antes xa o dixera o noso Castelao.
 


 
O que tratan de facer con tantas e tan variadas mentiras é distorsionar a realidade. Para iso contan cun grande aparato mediático, da súa propiedade, e un exército de tertulianos alistados para o que manden. "Os medios de comunicación convertéronse en verdadeiros configuradores da realidade social", din nun traballo publicado en Ágora, Ramón Reig García e María José García Orta.
 
Outro exército de economistas neoliberais exerce de voceiros do sistema económico nos principais medios de comunicación. Cunha xerga indescifrable para os non avezados nestes temas (noutras palabras, facéndose os difíciles ex profeso para que non se entendan moi ben os seus argumentos), tratan de convencernos de que os culpables desta crise en boa medida somos nós, que vivimos por enriba das nosas posibilidades".
 
En definitiva preséntannos esta realidade, que os beneficia ampla e impunemente, non só como a mellor senón como a única posible. Non en van, o asesor, economista e escritor (condenado varias veces por plaxio) Alain Minc dixo aquilo tan difundido de que "a democracia non é o estado natural da sociedade. O mercado, si". Queren que aceptemos esta andrómena, sen indignarnos nin nos rebelar, para pensar que non hai outro remedio para esta crise que deixarnos roubar a educación e a sanidade públicas, os dereitos laborais e sociais e aceptar esta estafa como unha fatalidade. Non lles faltan "ideólogos", algúns ata prestixiosos, que comparan este sistema coa lei da gravidade. Pódese loitar contra a lei da gravidade?
 
E aquí temos, entón, o principal desafío cultural. Sabemos que a cada orde social lle corresponde unha determinada ideoloxía, unha determina cultura, un xeito de ser e de actuar no mundo. Esta orde, social, política e económica, que é evidentemente inxusto e antidemocrático, chámase capitalismo, e querer cambialo non é unha ambición mefistofélica, nin unha pretensión desatinada. É simplemente unha necesidade urxente.
 
Afirma Schmucler, no prólogo do libro Para ler o Parrulo Donald, de Dorfman e Mattelart, que "só a construción doutra cultura outorga sentido á imprescindible destrución do ordenamento capitalista". Efectivamente, o capitalismo é un sistema "esgotado", dicíanos José Luis Sampedro. Juan Torres López afirma nun artigo recente que "o capitalismo non dá para máis". E Frei Betto é máis contundente aínda cando o cualifica de "sistema criminal". E non lle falta razón.
 
Vexamos un exemplo: os investidores destinan para especular no mercado de derivados de alimentos básicos, uns 320 mil millóns de dólares, o que contribúe a subir indecentemente os prezos dos alimentos esenciais e a agudizar dramaticamente a fame de millóns de persoas. Para a lóxica capitalista, iso non é unha indecencia, senón unha operación máis do mercado.
 
Os números que nos deixa o capitalismo como sistema xerador de desigualdades son aterradores. Segundo o banco Credit Suisse, o 1% da poboación mundial é dono do 43% da riqueza mundial e o 10% posúe o 85% da do planeta. As 300 persoas máis ricas da Terra teñen máis que 3.000 millóns de persoas, case a metade da poboación mundial. E no 2013, que foi un ano horrible para case toda a humanidade, onde aumentou considerablemente o número de pobres no mundo, esas 300 maiores fortunas sumaron uns 383 mil millóns de euros.
 
É dicir, a crise permitiulles aos supermillonarios, aos que a provocaron, amontoar máis riqueza aínda en prexuízo dos pobres, que son cada vez máis tanto en número coma en pobreza. É unha inxustiza "que clama ao ceo", como dicía Pablo VI. Ata o actual papa, Francisco, quixo denunciar este sistema económico na súa exhortación apostólica Evangelii Gaudium cando aseverou que "así como o mandamento de non matar pon un límite claro para asegurar o valor da vida humana, hoxe temos que dicir non a unha economía da exclusión e a inequidade. Esa economía mata". Ao capitalismo xa non lle queda nin o papa.
 
Estamos a aprender por experiencia propia que democracia e capitalismo son incompatibles. "É preciso, polo tanto, escapar desa orde e descodificalo dende outra visión do mundo", dixo Schmucler. "É necesario - agregou- re-comprender a realidade para lograr modificala. Para eles, os que mandan (non os que gobernan que son uns mandados), a cultura é un adorno que se agrega ao que serve. Para nós, a cultura é unha cuestión vital. Para eles educar é domesticar, para nós formar mozos cun sentido crítico porque, como di un poema de Benedetti, "sempre haberá unha orde que desordenar". Para eles, liberdade é acumular riqueza a custa da pobreza dos demais. Para nós, a liberdade constrúese cos demais, con todos os demais.
 
Ás loitas diarias dos traballadores, dos estudantes, dos parados, dos profesores, dos xubilados, dos desafiuzados, dos investigadores, de todos os que sofren a brutalidade dun sistema en crise e cada vez máis violento (recorden a Lei Mordaza), hai que acompañala cunha tarefa intelectual que nos sirva para ter a nosa propia visión do mundo, a nosa propia conciencia da realidade e así a poder cambiar, facela mellor, máis xusta, máis humana, autenticamente democrática, onde sexamos suxeitos do noso propio destino, e non clientes cada catro anos, e por se fose pouco enganados. " Porque -como advertiu o mestre Sampedro- compañeiros, trátase de vivir. Si, claro, tamén nós".

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript