Xaneiro de 2014
 
 

14/01/2014

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - Xosé Antón Laxe Martiñán
 

Castidade idiomática

Hai quen se avergonza da súa lingua ata para botar un polbo. E prefire tapala, a lingua, e renunciar ao pracer de usala. O Concello do Carballiño, por exemplo, fai isto, esconde a lingua, avergónzase, sen importarlle que os seus polbos perdan calidade.

 

  • Noticias relacionadas

 

O Concello do Carballiño inicia unha cruzada contra a palabra polbo. Quérea ver fóra da súa festa máis afamada e para iso solicitará da Academia que a Festa do Polbo non sexa do polbo, senón do pulpo. Mesmo ameazan con manifestarse mediante a iniciativa popular contra o ímprobo termo. “Nin aborto nin polbos”, esa parece a máxima do alcalde Argimiro Marnotes, do PP.
 
Tendo en conta que o polbo non se dá no Arenteiro, senón que lles vén de fóra, sorprende que neste concello do interior se arroguen a propiedade intelectual do cefalópodo, a facultade de nomealo. “Señores de Mugardos e Bueu, están vostedes enganados e dámoslles dous días para que obedezan ou cambien de festa”. Se a solicitude dos do Carballiño é motivada por diferenciaren a súa festa das organizadas nestoutros concellos galegos, non se entende que o concello da vila do Arenteiro siga a financiar a súa “Feria de Abril”.
 
Polbo, velaí o ofensivo termo que queren extirpar do vocabulario local. Ou polo menos da xerga culinaria. A boa é pulpo. “Aquí sempre se dixo así”, argumentan. Pulpo. Nin sequera o queren dicir en marroquí, que sería o xusto. Polbo, a nosa, suxírelles moita sucidade, física e moral. E xogar (para cando a prohibición deste verbo tan suxo?) coas cousas de comer só queda ben nas pelis de Kim Basinger.
 
En definitiva, queren ver unha festa sen polbos. Pero como é posible a Festa do Polbo sen polbo e só con pulpo? En rigor e con coherencia non lles queda outra que organizar La Fiesta del Pulpo, con mariachis e moita traca de Dj’s que disimulen o nome da vila e os magníficos gaiteiros que por alí teñen.
 
É pena ver que xorden iniciativas así para reducir a presenza do galego, nunca para aumentar ou prestixiar a súa presenza pública, cando unha festa é o mellor escaparate para a normalización. Supoño que o que queren no Carballiño é unha Festa do Pulpo cada vez máis internacional e que a Festa do Polbo a faga cada quen na súa casa ou no asento de atrás da DKV.
 
Nós estamos pola Festa do Polbo. Non coma no Carballiño, onde hai quen prefire a mala prensa de se facer o simpático.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript