Xaneiro de 2014
 
 

14/01/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN, Ignacio Escolar
 

As matemáticas da dilapidación

O Palau de les Arts construído por Santiago Calatrava en Valencia estaba presupostado en 100 millóns. Custou 500. Apenas oito anos despois da súa inauguración, o vento desprendeu parte da súa fachada e forzou o seu peche. O número de responsables? Cero.

 

  • Noticias relacionadas

 

O aeroporto de Ciudad Real custou 1.100 millóns. Suponse que era privado, pero tivo que ser rescatado pola quebrada Caixa de Castela A Mancha, así que gran parte da factura acabou sendo pública. Leva ano e medio pechado e acábano de sacar a poxa. A poxa mínima era de cen millóns, menos do 10% do que custou. Quedou deserta porque aos posibles compradores mesmo ese prezo lles parece caro. Volverán subastalo, esta vez empezando por 80 millóns. O número de responsables? Cero.
 
Polo menos, en Ciudad Real algunha vez aterrou un avión. En Castellón aínda están a esperar. O «aeroporto do avó» Carlos Fabra custou 150 millóns e xa perdeu outros 61 dende que foi inaugurado en marzo do 2011. Só en «informes», a Generalitat valenciana gastou 17 millóns. Pronto cumprirá tres anos e o único avión no horizonte é o que decora a estatua de 24 metros de altura (outros 300.000 euros) en honor ao cacique Fabra. A Generalitat busca unha empresa que o queira xestionar a cambio dunha subvención doutros 25 millóns. O número de responsables? Tamén cero. Carlos Fabra foi condenado a catro anos, pero por delito fiscal. Nada que ver con isto.
 
O «relaxing cup of café con leite» costa na praza Maior uns tres euros. O pesadelo olímpico saíu moito máis caro. As tres candidaturas gastaron en publicidade, organización e lobi case cen millóns, pero isto é só a propina da cara factura. Madrid deixouse outros 504 millóns en infraestruturas deportivas sen uso ou que se destinan ao que non estaban deseñadas, como pasou co Madrid Arena.
 
A perla olímpica madrileña é a Caixa Máxica. Estaba presupostada en 120 millóns, pero custou máis do dobre: 294 millóns. Inaugurouse no 2009 como a «instalación de tenis máis moderna do mundo». Apenas se usa, o ano pasado só acolleu tres torneos e o seu mantemento é prohibitivo. No 2014, Madrid gastará nela, e en subvencións ao Máster Tenis, outros 5,4 millóns, tanto como inviste en todos os demais polideportivos públicos. Dende hai uns días, a Caixa Máxica tamén ten outro uso: alúgase para celebrar aniversarios infantís a partir de 180 euros. Número de responsables desta festa? O de sempre, tamén cero. O pai deste invento, Alberto Ruiz-Gallardón, deixou unha débeda en Madrid de máis de 6.000 millóns e en premio foi ascendido. Hoxe anda no Ministerio de Xustiza, ocupado na privatización dos úteros alleos.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript