Xaneiro de 2014
 
 

07/01/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Queda inaugurado "o ano da recuperación"

Por se algún rosmón aínda dubida de que 2014 é "o ano da recuperación", o Goberno decidiu inauguralo ao grande, con castelo de lumes artificiais: o dato do paro rexistrado en decembro pasado, 107.570 parados menos.

 

  • Noticias relacionadas

 

O dato debía darse a coñecer hoxe, pero enténdese a impaciencia do filtrador: de esperar ata hoxe, teriamos consumido xa case tres días de "o ano da recuperación" sen que os cidadáns notásemos a inminencia de tal recuperación. Bastante que aguantaron ata que pasase o 1 de xaneiro, día en que a resaca nos tería impedido valorar como merece un dato como este.
 
De modo que onte, 2 de xaneiro, primeiro día hábil de "o ano da recuperación", a prensa amiga encontrouse cun regalo de reis anticipado, co que dar brillo ás súas webs e aperturas de informativos onte, e co que talvez adornar as portadas de papel hoxe: "O mellor decembro da historia"; "Nunca se producira unha caída do paro de seis díxitos"; "Baixada histórica"; "O departamento que dirixe Báñez conseguiu un novo record"; "146.000 parados menos en 2013"; "Un gran dato que anticipa a recuperación"...
 
Hoxe publicarase o dato oficial, e poderemos coñecer máis detalles da cifra "histórica". Por exemplo, a afiliación á Seguridade Social, para comprobar se eses 107.500 son mulleres e homes que dende hai un mes acoden a diario ao seu novo posto de traballo, ou máis ben un desolado tropel de parados desanimados, que esgotaron a súa prestación (a cobertura perdeu case dez puntos en dous anos, ata o 60% actual) e que perderon a súa fe en encontrar algo inscribíndose cada mes, aos que sumar emigrados (españois que se van, inmigrantes que volven aos seus países de orixe) e subempregados que "gozaron" dun contratiño de días ou horas en Nadal.
 
Cando vexamos as cifras en detalle, quizais resulte que en realidade se destruíu emprego, como o mes anterior, novembro, cando tamén baixou o número de inscritos (en 2.475 desempregados), pero perdéronse case 67.000 afiliados á Seguridade Social. Ou como o dato de agosto, que unha impaciente Cospedal anticipou un día para adozarnos o fin das vacacións (e de paso tapar un pouquiño o caso Bárcenas) con "o mellor agosto dende 2000", e que logo quedou en 31 parados menos... e case 100.000 empregos destruídos, medidos en afiliación á Seguridade Social.
 
Pero a alegría que nos levamos onte xa non nola quita ninguén. Aínda que hoxe nos conten outros datos incompatibles coa mensaxe da recuperación, os españois de boa fe abrazámonos cal peluche a eses 107.500 parados menos, a ese mes histórico, a eses seis díxitos nunca vistos. Non permitiremos que ninguén nos amargue o primeiro día do ano electoral. Perdón, quería dicir o ano da recuperación.
 
Prepárense, que nos espera nos próximos meses un bombardeo estatístico sen tregua, con datos parcialmente filtrados, maquillaxes contables e moito emprego lixo para convencernos de que, aínda que case ninguén o note, a recuperación xa está aquí.
 
Iso si: teñan coidado ao manipular, fágano pero sen pasarse. Non sexa que os desanimados crean o conto e acaben apuntándose de novo na oficina de desemprego, e se amole o invento.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript