Decembro de 2013
 
 

23/12/2013

   CUTUDC / Novidades

  DESAFIUZAMENTOS
 

O 70% das familias desafiuzadas ten dous ou máis menores ao seu cargo

Bankia é a entidade financeira que máis desafiuzamentos executa. Á súa vez, é a que máis diñeiro público recibiu. Así o sinala un exhaustivo estudo elaborado pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) e o Observatorio DESC. O traballo, Emerxencia habitacional no Estado español, baséase en máis de 11.000 enquisas realizadas a persoas afectadas por procesos de execución hipotecaria, tanto de vivenda de propiedade coma de aluguer.

 

  • Noticias relacionadas

 

O estudo, ademais, extrae unha serie de conclusións que desmontan os tópicos que insisten en que os afectados pola hipoteca adoitan ser persoas estranxeiras e con poucos estudos. Sete de cada dez familias xa desaloxadas ou en proceso de execución hipotecaria teñen dous ou máis menores ao seu cargo.
 
Preto do 20% das execucións hipotecarias estudadas polas organizacións corresponderon á entidade nacionalizada que presidiu Rodrigo Rato. O BBVA, o banco que máis afectados acumula no estudo, concentra o 15% dos desaloxos e desafiuzamentos; Caixabank, o 14%; e o Santander, o 12%. Déusenos a mensaxe de que o das hipotecas fraudulentas foi cousa das caixas, que estaban excesivamente politizadas, pero estes datos demostran que non é certo, que entre as primeiras están as maiores entidades, que se nos venderon como un exemplo de xestión", sinalou a voceira da PAH, Ada Colau.
 
Colau denunciou a situación de "emerxencia" en materia de vivenda que padece o Estado español. Ademais, criticou que lonxe de solucionar o problema das case medio millón de execucións hipotecarias que se levaron a cabo dende o 2008, "non" se están a cambiar "as leis para que isto non volva suceder". Neste sentido, alertou das privatizacións de vivenda protexida que están a levar a cabo diversas administracións: Incentívase que fondos de investimento como Goldman Sachs e Blackstone compren as vivendas. Evidentemente estes fondos non teñen ningún interese en protexer o dereito á vivenda, senón unicamente gañar diñeiro".
 
A anomalía en Europa da lexislación española en materia hipotecaria, que tan recorrentemente vén denunciando a Plataforma e mesmo institucións como o Consello de Europa, supón unha escasa protección das persoas hipotecadas que deixou na rúa a miles de familias sen unha alternativa de vivenda. Unha amplísima maioría, o 82,3% dos afectados incluídos no informe, son españois, mentres que a primeira nacionalidade estranxeira en porcentaxe de afectados é a ecuatoriana, cun 4,1%. Ademais, menos do 15% só teñen estudos primarios, mentres que o 59% teñen estudos secundarios ou de formación profesional, e un 24%, universitarios.
 
O desemprego, principal causa de non pagamento
 
O estudo sinala que o principal motivo do non pagamento das cotas hipotecarias ou do aluguer é o desemprego, circunstancia que se dá no 70% dos casos. "Estes datos desmontan a criminalización que se fai dende determinados sectores, no sentido de que se deixa de pagar a hipoteca por vontade propia," criticou Colau. A voceira da PAH recoñeceu as limitacións dun estudo que non abrangue á totalidade das persoas afectadas no Estado español, pero denunciou a inexistencia de rexistros públicos sobre esta materia: "É inmoral que cinco anos despois do inicio da crise non haxa datos fiables e detallados sobre esta emerxencia. Cremos que responde a unha falta de vontade política, porque a poboación se escandalizaría se os coñecese en profundidade,".
 
Unha boa mostra do modus operandi das entidades na colocación de hipotecas durante a burbulla inmobiliaria é que un 40% destas concedéronse sen ningún tipo de entrada. Na maioría dos casos, outorgouse entre un 80% e un 100% do financiamento, e nalgúns deles mesmo por enriba. A maioría das persoas afectadas que contactaron coa PAH asinaron hipotecas entre os anos 2004, e 2008, período cumio da burbulla inmobiliaria.
 
"Pouca preparación do poder xudicial"
 
As entidades denunciaron o papel do poder xudicial español na escasa protección de dereitos. O profesor de dereito constitucional da UB e vicepresidente do Observatorio DESC, Gerardo Pisarello, asegurou que "a crise está a poñer en evidencia a pouca preparación do poder xudicial para garantir a protección de dereitos. Existe un gran descoñecemento dos estándares internacionais sobre a protección dos Dereitos Humanos". "Houbo algunhas sentenzas favorables aos afectados. Pouco a pouco vaise abrindo camiño, pero por cada unha hai tres ou catro a favor das entidades financeiras", lamentou.
 
O informe constata o incumprimento das recomendacións que inclúen os tratados internacionais asinados polo Estado español. Por exemplo, a que sinala que unha unidade familiar non debe destinar máis do 30% dos seus ingresos ao pagamento da hipoteca. Case o 60% dos enquisados destinaron máis do 60% dos ingresos familiares ao pagamento da hipoteca, mentres que para máis dun terzo, a hipoteca se levou nalgún momento a totalidade dos ingresos.
 
Pisarello denunciou tamén o papel do Tribunal Constitucional, cuxa conduta respecto á protección do dereito á vivenda cualificou de "abstencionista, a diferenza de tribunais como os de Portugal e Italia". "Cremos que hai indicios importantes de irregularidades e malas prácticas por parte das entidades financeiras e pedimos que sexan investigadas", sinalou Pisarello, que explicou que a PAH e o Observatorio, xunto con outras organizacións sociais, presentarán unha queixa ao Comité de Dereitos Humanos das Nacións Unidas por "violacións sistemáticas de acordos internacionais".
 
De La Marea

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript