Decembro de 2013
 
 

23/12/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Pobreza enerxética? Eu só vexo riqueza

Eu este inverno non acenderei a calefacción, racionarei a auga quente e deitareime cedo. Non, o meu non é un caso máis de pobreza enerxética: todo o que aforre en luz o penso investir en comprar unhas poucas accións das compañías eléctricas. Pero de que "pobreza enerxética" estamos a falar? Se falamos de enerxía, eu só vexo riqueza, e moita: poucas cousas hai en España que xeren tantos beneficios como a luz

 

  • Noticias relacionadas

 

Esta semana, por exemplo, a noticia enerxética non é que a luz vaia subir un 11%, ou que haxa millóns de fogares pasando frío ou ás escuras. A noticia enerxética é que unha das compañías que controla ese mercado, Endesa, volve repartir dividendos. O mércores gozou da súa mellor sesión en Bolsa en cinco anos, despois de anunciar un xeneroso pagamento aos seus accionistas: un rendemento de case o 7%, que a sitúa entre as empresas que mellor retribúen aos seus accionistas.
 
Aínda que levaba un par de anos sen repartir, Endesa sempre estivo entre as cinco empresas da Bolsa que máis rendibilidade por dividendo ofrecía. Agora, tras dous anos de dúbidas, volve ao máis alto, e non é para menos. Só nos primeiros seis meses deste ano obtivo uns beneficios de 1.114 millóns de euros, despois de que en todo 2012 gañase máis de 2.000 millóns. Se miramos máis atrás, os resultados da compañía dan vertixe: dende a marca de 3.182 millóns que tivo de beneficio en 2005, mantívose sempre en cifras próximas, que nalgún ano foron mesmo superiores polas plusvalías xeradas ao vender activos.
 
Se miramos outras eléctricas, máis do mesmo. Iberdrola gañou o ano pasado 2.840 millóns, e leva cinco anos seguidos por enriba dos 2.800 millóns. Nese mesmo período, para facernos unha idea do que estamos a falar, o prezo da luz subiu para os consumidores máis dun 60%. Outra máis: Gas Natural Fenosa tivo o ano pasado beneficios de 1.441 millóns de euros, e leva tamén varios exercicios á alza.
 
Xa sei, xa sei, as cousas non son tan simples, non podemos comparar beneficios empresariais con subas de tarifas para os cidadáns, son un demagogo e un ignorante. Confésoo: por máis que o intento, e malia esforzos pedagóxicos que fan que ata un neno entenda como se calculan as tarifas e en que consisten as poxas, o déficit eléctrico e demais escuridades, eu tiro pola rúa de diante e fago a única conta que sei facer: mentres nós pagamos cada vez máis por un ben básico, as empresas do ramo séguense facendo de ouro, e están entre as eléctricas europeas con maiores beneficios.
 
Por fortuna, non nos gobernan demagogos nin ignorantes, senón gobernantes mornos e sabios que saben que esta comparación é un espellismo, que confían na sabedoría do mercado e lexislan pensando no interese cidadán, sen sucumbir ás presións do lobby eléctrico (que, ademais, nin sequera existe, é unha fantasía de demagogos e ignorantes como eu).
 
Cun panorama como este -cun mercado eléctrico ineficaz, irracional, en mans dunhas poucas empresas que acumulan enormes beneficios, mentres os cidadáns cada vez estamos máis apertados e moitos van quedando ás escuras-, noutros países (subdesenvolvidos!) con outros gobernantes (populistas!), xa lles terían axustado as contas ás empresas (liberticidas!) ou mesmo as nacionalizarían pola vía rápida (confiscadores!). Pero xa digo, por sorte non somos un país así nin temos gobernantes desa ralea. Así que, a seguir pagando.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript