Decembro de 2013
 
 

16/12/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Xavier Caño Tamayo
 

Loitar pola democracia

Os que controlan a economía ameazan a vida digna da maioría cidadá. Perpetran a súa agresión, o seu saqueo, por medio de leais servos como gobernos, grandes medios de comunicación e institucións económicas internacionais.

 

  • Noticias relacionadas

 

Ninguén pode dubidar xa de que a minoría rica, a clase dominante, condenou e condena a millóns de persoas á pobreza, á incerteza e á angustia nun ataque sistemático contra os dereitos humanos da cidadanía. Os dereitos cuxo desfrute garanten a dignidade, a vida.
 
Que facer? Non confiar en milagres, por suposto, e saber que esta loita será longa e dura. Ademais de enfrontarse á austeridade, os recortes, a destrución do público, o paro, a precariedade, os desafiuzamentos... non hai que descoidar nin un instante a loita por recuperar a democracia. Aínda que é máis exacto dicir que habemos de loitar por unha democracia de verdade. Non o remedo de democracia con que nos enganan e oprimen. Porque, xunto ao saqueo e violación de dereitos, lévannos a pasos axigantados a un sistema ditatorial, maquillado como democracia ritual, pero baleira de contido.
 
No Reino de España, a moi franquista Lei de Seguridade Cidadá, que o goberno de Rajoy pretende impoñer, recorda moito a lexislación daquela ditadura franquista que institucionalizaba o medo e a represión. Esta do PP é unha lei para converter a protesta cidadá en delito. Moi franquista. Tanto é así que o comisario de dereitos humanos do Consello de Europa, Nils Muiznieks, denuncia que a nova lei de Seguridade Ciudadana viola os dereitos de reunión e manifestación. Porque a liberdade de "expresar o desacordo coas medidas dun Goberno" ten que ser respectada e protexida pola xustiza. E aquí non é así senón todo o contrario.
 
E aínda hai máis. Hai unhas semanas, o Consello de Europa publicou un informe sobre dereitos humanos no Estado Español onde alertaba sobre o "desmesurado" uso da forza pola policía contra a cidadanía que se manifesta contra a austeridade. E denunciaba a impunidade dos policías que maltratan e torturan a detidos. Chove sobre mollado. E por iso, o Consello Xeral do Poder Xudicial, a través da súa Comisión de Estudos, denunciou que o proxecto de reforma de Código Penal do PP vai máis lonxe que Franco e Primo de Rivera, que nunca introduciron a pena de cadea perpetua que agora o PP impón. Unha pena inadmisible, porque vai contra a reinserción do preso. No seu artigo 25, a Constitución manda que o fin principal das penas de privación de liberdade é precisamente a reinserción.
 
E, para rematar a viaxe a territorio totalitario, a tamén nova lei de Seguridade Privada do PP permitirá aos vixilantes de seguridade privada patrullar polas rúas das cidades; tarefa ata agora reservada a policías nacionais ou municipais. Ademais, os seguratas (como se designan popularmente os axentes privados de seguridade) poderán controlar espazos públicos, pedir carnés e comprobar identidades, facer rexistros e mesmo deter cidadáns. Como os inaceptables corpos paramilitares nunha ditadura bananeira.
 
Máis aínda. Contra todo dereito, o ministerio do Interior creará un arquivo de infractores. E a mesma ambigüidade do termo 'infractores' outorga a esa ameaza un tufo de ditadura que se carga dunha tacada a presunción de inocencia e as garantías procesuais, como elementos básicos da democracia. Ademais serán tratados e castigados como delincuentes os que defrauden á Seguridade Social e consigan unha prestación á que non teñen dereito. Os que defrauden por valor de 50.000 euros (por exemplo, quen cobre ilegalmente un subsidio de 600 euros durante sete ou oito anos) pode ser condenado a seis anos de cárcere! Pero para que unha fraude a Facenda sexa delito sancionable con prisión, tense que defraudar máis do dobre: 120.000 euros. Sen esquecer os 80.000 millóns de fraude fiscal no Estado e que ninguén pague por iso.
 
Cabe recordar agora que a secretaria xeral do Partido Popular, María Dolores de Cospedal, asegurou hai pouco que "o seu partido non consentirá que España quede en mans de persoas que sempre protestan, pero nunca propoñen absolutamente nada". Unha proclamación pública que soa a convite ao golpe de estado ou, canto menos, ao pucherazo electoral. Porque o que di Cospedal é que se gañase as eleccións unha fronte ampla de partidos de esquerda, movemento cidadán, asembleas do 15 m... o PP non lles permitiría gobernar. Á parte da falsidade do de "nunca propoñen nada", porque a cidadanía que protesta, o movemento cidadán, as plataformas cívicas de todo tipo, as asembleas do 15 m... propoñen medidas e alternativas para substituír este sistema inxusto e predador.
 
O perigo autoritario é real. E contra o autoritarismo só vale loitar pola democracia. A democracia de verdade, participativa, non un decorado que a simule.
 
http://xacata.wordpress.com

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript