Decembro de 2013
 
 

16/12/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Pero mira como compran

Tiña pensado amolarvos un pouco cunhas cantas malas noticias de recortes, privatizacións e dereitos perdidos, pero díxenme: "xa vale, Isaac, que é Nadal".

 

  • Noticias relacionadas

 

Así é: na casa xa montamos a árbore e as luceciñas, e pletórico de espírito do Nadal decidín unirme á unánime campaña que o goberno, os medios e os comerciantes lanzaron estes días para que nos sumemos á festa: esa campaña que poderiamos chamar " Pero mira como mercan", e que debemos cantaruxar con musiquiña de panxoliña famosa de peixes que beben no río:
 
"Pero mira como mercan os consumidores confiados, pero mira como mercan de ver que mellorou... "
 
Entre todos convencéronme: as imaxes de rúas comerciais atestadas de xente que as televisións e diarios repiten unha e outra vez (non quixen miralas en detalle, non sexa que descubra que a maioría non leva bolsas). Os organismos internacionais que melloran as súas previsións sobre a economía española (unha decimiña, pero menos é nada, non?). O optimismo desatado do goberno e os seus voceiros insistindo en que a crise, non xa é que a esteamos a superar, é que xa é cousa do pasado (máis ou menos o mesmo que nos dixeron en 2009, pero agora é a boa). As cifras mellores do paro (escasiñas e debidas a traballo precario e parados desanimados, pero non deixemos que a realidade nos estrague unha boa estatística). Non lles vexo aínda convencidos, veña, canten máis forte comigo:
 
"Pero mira como mercan os consumidores confiados, pero mira como mercan de ver que mellorou... "
 
Doulles máis motivos para que saian hoxe mesmo a patear os centros comerciais e regresen con dor de pés, os petos baleiros e as mans cheas de bolsas: a perspectiva de reponte inminente no consumo das familias (que dificilmente pode caer máis baixo, e aínda así este ano aínda se reducirá outro 2,5% tras tres anos de caída, e con algúns sectores que acumulan un lustro de descensos anuais de dous díxitos). O dato real de que no último trimestre o consumo ten repontado (aínda que se compara co mesmo trimestre de 2012, que foi de caída pola suba do IVE). E a confianza dos comerciantes, que insisten en que ven vir unha campaña do Nadal algo mellor que a anterior (tendo en conta que a de 2012 foi a peor en vinte anos, difícil sería empeorala).
 
"Pero mira como mercan os consumidores confiados, pero mira como mercan de ver que mellorou... "
 
Por suposto, para sumarme ao bo rollo do Nadal decidín non mirar a miña conta corrente, non sexa que me recorde como seguiu caendo a miña renda no último ano. Tampouco botei conta do que subiron as taxas municipais, prezos de servizos públicos e o IVE deses produtos culturais que podería comprar como regalo do Nadal. Nin por suposto crin que vaia volver subir a luz proximamente. Para que non me amolen o día, desoín as noticias de novos ERE e peches de empresas, e ignorei os que no meu ámbito acaban de ser despedidos ou esgotan os seus últimos días de subsidios. En canto ao futuro, tanto a curto prazo (os libros das miñas fillas o próximo curso) como a longo (a pensión que non cobrarei), síntoo pero para min hoxe non hai máis futuro que o inminente Nadal.
 
"Pero mira como mercan os consumidores confiados, pero mira como mercan de ver que mellorou... "
 
Fagan como eu. Esquézanse da crise por uns días, sóltense o pelo e a tarxeta de crédito, pensen nos seres queridos que merecen regalos e no ben que o pasaremos comendo e bebendo estas festas. Que xa teremos tempo para lamentarnos en xaneiro, e que nos quiten o bailao. Convencéronse? Eu tampouco. Teremos que cantar máis forte, todos xuntos, baixando da man pola rúa Preciados:
 
"Pero mira como mercan os consumidores confiados, pero mira como mercan de ver que mellorou... "

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript