Decembro de 2013
 
 

16/12/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Nuria Varela
 

As mentiras dos académicos

Non pediron desculpas. Tampouco rectificaron. Onte, durante a presentación do libro El buen uso del español, nacido da Real Academia, tanto o presidente desta, José Manuel Blecua, como o académico Salvador Gutiérrez, xustificaron o inxustificable: as acepcións machistas e ofensivas que contén o dicionario e mentiron nas súas argumentacións.

 

  • Noticias relacionadas

 

José Manuel Blecua asegurou que "o dicionario non é fixo, senón que leva en continua evolución dende 1713, e engadiu que non se pode buscar no dicionario "a solución para as inxustizas dunha sociedade machistas como é esta". As súas palabras soan ben pero esconden a realidade. O dicionario da RAE, na entrada da palabra muller, mantén ata seis acepcións de prostituta. Muller da arte, prostituta; muller do partido, prostituta; muller pública, prostituta... así ata seis. De verdade Blecua considera que esa entrada reflicte evolución? Cando Blecua di muller do partido está a chamar prostituta á devandita?
 
Non contento con iso, Blecua asegurou que non se pode pretender que un libro modifique o léxico, senón que o que hai que modificar son as estruturas sociais que fan posible que se use nun determinado sentido, algo que non é tarefa dun dicionario. A pirueta argumental de Blecua é notable. Dificilmente encontraremos alguén que utilice muller da arte como sinónimo de prostituta, por exemplo. O listado sería interminable. Só un exemplo máis. Orfo, segundo o DRAE: 1. adj. Dito dunha persoa de menor idade: A quen se lle morreron o pai e a nai ou un dos dous, especialmente o pai. U. t. c. s.
 
O retrouso "especialmente o pai" nin responde a ningunha evolución nin responde a ningunha estrutura social, só evidencia a institución ideoloxizante que é a Real Academia, unha institución humana que crea normas e se outorga unha autoridade que non só non reflicte o uso actual da lingua e a súa evolución senón que se resiste aos cambios sociais en todo o que concirne ás mulleres.
 
A lingua permíteo, por suposto, os que non o permiten son algúns académicos. Mentiu onte Salvador Gutiérrez, non cando dixo que "o dicionario ten a obriga de rexistrar o que está na lingua". Mentiu ao engadir: "Se unha acepción ten respaldo no uso, inclúese". Non é certo. A RAE estivo pechada ás mulleres durante 300 anos e cando abriu as portas a algunhas delas non cambiou nin a súa ideoloxía, nin as súas formas, nin as súas normas no que ás mulleres se refire. A RAE continúa sendo esa institución especialmente ideoloxizante que, entre outras moitas mulleres brillantes e cultas, xa denunciara María Moliner cando sinalou os prexuízos, esquecementos e erros da Academia e se propuxo construír un dicionario que servise para todo o mundo.
 
A linguaxe non é capaz de impoñer ou reprochar nada por si mesmo, como diría Lewis Carroll. Son os académicos que o fan. O feminino está a buscar o seu sitio e en vez de axudar e apoiar, a RAE resístese e mesmo se enfada, e lonxe de rexistrar o que está a acontecer -como aseguran que fan-, reprochan os cambios, os novos usos e as novas expresións que se van popularizando coa intención de facer un uso máis inclusivo, de nomear o que está oculto, de visibilizar o que durante moito tempo se pretendeu esconder.
 
Non é certo que o masculino sexa xenérico. O masculino é masculino. Non é certo que sexa un xénero non marcado e inclusivo. O masculino non ten esa capacidade. Se acaso teríaa o feminino por remitir persoa. Nomear en feminino non dana, todo o contrario, revitaliza e enriquece. Usar xenéricos non entorpece a comunicación, mellóraa. Os académicos equivócanse ao pretender manter unha visión masculina do mundo. Por moito que se empeñen en disimulalo, é obvio que as súas normas son reflexo da súa ideoloxía non do uso da lingua nin da realidade cotiá dos homes e mulleres actuais.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript