Decembro de 2013
 
 

16/12/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

A Universidade recorta, de novo, en acción social

O xerente reuniu o pasado xoves día 12 aos representantes do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal para comunicarlles que, nos orzamentos que están a preparar para o ano 2014, efectuarán unha radical redución do capítulo dedicado á acción social.

 

  • Noticias relacionadas

 

En concreto comunicoulles que desaparecerán todas as asignacións excepto as destinadas a sufragar a matrícula "gratuíta", a gardería e  formación. Polo tanto o seguro médico así como o resto das accións que se contemplaban neste capítulo desaparecerán.
 
Diante desta circunstancia temos que dicir:
 

  • O goberno da Universidade actúa cos  traballadores e traballadoras como un verdadeiro “trilero”. Fai uns días reuniuse o Claustro Universitario no que tratamos esencialmente asuntos económicos, ocultando, o equipo reitoral, un recorte  tan importante como o que pensan realizar. Seguro que prevían que a sesión se lles podía ir das mans.
  • Se vos lembrades xa o ano pasado reduciron este capítulo o que, entre outra cousas, levounos a rexeitar os orzamentos para o ano 2013. Da aceptación das reducións anteriores temos agora unha consecuencia. A redución cada vez vai a máis. Por este camiño un capítulo tan importante como é o da acción social, acabará nun prazo breve, desaparecendo.
  • Tenden a desaparecer as “accións xeneralistas”, contemplándose case en exclusiva situacións que só afectarían a parte do colectivo. Temos que significar que, por exemplo, o gasto na matrícula equivale, na actualidade, a uns 200.000€ dos que uns 30.000€ remítense ao gasto relacionado co PAS e 170.000€ ao PDI. Aínda así, porque teñen a consideración de acción social, defendémolas todas.
  • A escusa esgrimida polo equipo de goberno da universidade é a de sempre, a Xunta reduce o orzamento. Neste situación de recorte tras recorte a UDC descarta tomar medidas legais ou mobilizadoras contra o incumprimento do Plan de Financiamento 2011-2015, negociado coa Xunta (máis ben imposto pola propia Xunta) e contra os sucesivos recortes.

 
A Universidade convértese, deste xeito, na man executora das políticas que deseña o PP dende a Xunta de Galicia (só lle falta xustificalo do xeito que fai o PP, "recorto a acción social para asegurar a súa existencia"). De seguir por este camiño e aceptando placidamente as determinacións da Xunta acabarán recortando, aínda máis, podendo, en última instancia, verse afectados os postos de traballo de traballadoras e traballadores en activo, isto, segundo transcendeu da reunión plasmouse como posibilidade , polo xerente (iso si, non desexada). Até agora facer apoloxía do medo serviulle e repite. Lembrámosvos que agora xa a taxa de reposición é cero o que provoca a diminución real de postos de traballo.
 
Que o PAS somos o primeiro sector ao que se mira cando se deseñan os recortes na Universidade, iso xa o manifestamos cando se aprobou a RPT, as UXAI e UDAI son unha boa mostra do que denunciabamos. As "medidas de reorganización orgánica e funcional para unha prestación máis eficiente do servizo" só se levan a efecto no PAS.
 
Imos ser, se prospera a intención da Universidade, os máis afectados polo novo recorte, mentres somos testemuñas do malgasto que se realiza na Universidade. Agora co fin de ano proliferarán, aínda máis, os gastos superfluos que xa se veñen realizando durante todo o ano. Non obstante o equipo de goberno, mira para outro lado e prefire recortar nos nosos dereitos que facelo nos ostentosos privilexios doutros. Estamos fartos de ver pasar diante dos nosos ollos facturas de cuchipandas, do último e máis caro en portátiles, tablets, smartphones…, mentres que se nos rouban dereitos.
 
Dixémolo en anteriores ocasións, dixémosllo ao Reitor en persoa, e reiterámolo. É imprescindible, centralizar, xustificar as compras e evitar o sistemático despilfarro que se ven producindo desde os estamentos universitarios. Postos na tesitura de que a Institución non  faga nada por reclamarlle á Xunta o diñeiro necesario, e se a situación é tan grave, antes de recortar na acción social dos traballadores e traballadoras hai moito onde recortar.
 
Outra cousa que queremos sinalar é o número de fontaneiros (hoxe denominados Adxuntos, asesores…    que hai na institución e que o 1 de xaneiro se verán incrementados. Tamén se seguen a pagar os indecentes complementos de altos cargos. Esta situación fai que no PAS nos sintamos especialmente damnificados. Preguntámonos, tamén, onde vai ir a parar o aforro (cuantificado nuns 500.000€ directos) procedentes da funcionarización do PAS laboral?.
 
A análise xeral non nos pode facer esquecer as situación, os danos persoais, que, de levarse a efecto a proposta da Universidade, tería sobre as traballadoras e traballadores que xa teñen cita concertada en Adeslas para os vindeiros días ou meses.
 
No que respecta ao Persoal laboral temos que significar que a medida que se anunciou significa un incumprimento do Convenio Colectivo recentemente renovado e que, no caso de levarse a efecto, entre outras cousas, teremos que denunciar pola vía xudicial:
 
“Artigo 59
Co obxecto de financiar accións dirixidas ao persoal que se acorden na Comisión Paritaria, ou ben que se complementen ás adoptadas nela, decididas entre a Xerencia e o Comité de Empresa, constitúese na Universidade un fondo de acción social para o persoal laboral, equivalente, cada ano, ao 1,5% da masa salarial anual, garantindo como mínimo os fondos necesarios para a contratación dun seguro de asistencia sanitaria de prestacións análogas ás vixentes na data de sinatura deste convenio.”
 
Non aceptamos o importante tallo á acción social anunciado pola Xerencia. Temos que activar medidas mobilizadoras, non só contra a Xunta, tamén contra os que dirixen a UDC que se limitan a recortar sen chistar en cumprimento das decisións tomadas desde o goberno galego, converténdose no brazo executor dos recortes.
 
A resposta temos que darlla estando presentes, que se nos vexa a cara, o día 19 no Consello de Goberno. A representación colectiva do persoal debe iniciar o chamamento para esa mobilización

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript