Decembro de 2013
 
 

09/12/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Juan Torres López
 

Pensións públicas: ameaza real ou fraude intelectual?

Os constantes anuncios da insostibilidade a longo prazo do sistema de pensións públicas preséntanse rodeados dun halo de inmenso rigor que fai crer á xente común que, efectivamente, non poderán gozalas no futuro.

 

  • Noticias relacionadas

Para iso o discurso adóitase basear en estudos financiados por entidades financeiras onde se elaboran escenarios a medio e longo prazo para demostrar que a evolución demográfica das nosas sociedade será incompatible co financiamento dun sistema de pensións como o que agora temos. E sen solución de continuidade, a partir de aí proponse que empecen xa a recortarse. O que, obviamente, leva a que quen teña diñeiro saia correndo a subscribir fondos de aforro privados cos que, ao mesmo tempo, se fai crer aos inxenuos que poderá ter garantido o seu ingreso na xubilación.
 
Non se di, non obstante, que os que veñen facendo ese tipo de estudos non acertaron nunca (e nunca quere dicir iso, nunca, ningunha vez) nas súas previsións. Un caso realmente inexplicable: os bancos que se supoñen son tan coidadosos co diñeiro non teñen inconveniente en contratar unha vez detrás doutra aos mesmos economistas que na ocasión anterior se equivocaron totalmente na súa análise e previsión da realidade. O que evidentemente mostra que o seu interese non é que esta se descubra senón, pola contra, falseala para vender máis comodamente os seus produtos financeiros.
 
Por aí empeza unha das fraudes intelectuais máis vergonzosas dos últimos anos, destinada a facer crer á xente que o só feito de que, afortunadamente, vivamos máis anos, é causa de que non se poidan financiar no futuro as pensións públicas.
 
Aparentemente resulta moi elemental e rigoroso afirmar que se estas últimas se financian, como en España, mediante as cotizacións dos traballadores, se o número destes diminúe moito e, ao mesmo tempo aumenta o de xubilados, o equilibrio financeiro do sistema resentirase sen remedio.
 
Pero o que é ás veces moi evidente non reflicte sempre a realidade, como acontece neste caso.
 
Mesmo supoñendo que fose obrigado que as pensións se financien só coas cotizacións (e non polos Presupostos Xerais do Estado, como acontece nalgúns países do noso ámbito) resulta que ata o sentido común máis elemental nos indica que ese equilibrio financeiro non depende só da relación entre traballadores cotizantes e xubilados.
 
Ademais do volume total de empregados inflúe o contía do salario e en xeral a distribución da renda, a contía da pensión, ou a produtividade, por exemplo.
 
Por iso é unha simpleza e unha fraude afirmar que o sistema non será sostible só porque haberá máis xubilados en relación cos cotizantes porque aumenta a nosa esperanza de vida. Pode acontecer, e seguramente acontecerá pois así vén sendo dende hai decenios, que aumente a produtividade e que menos traballadores xeren moito máis produto. E pode suceder que o número tan elevado de parados que hoxe hai na nosa economía diminúa e que, como en anos anteriores, o sistema volva rexistrar superávit. E é desexable ademais que rompa a inercia tan desigualitaria que vén dándose e que unha distribución da renda máis equitativa proporcione moitos máis recursos ao sistema.
 
Un exemplo sinxelo mostra o que sinalo. Supoñamos un país con 100 euros de ingresos cuxo 60% vai aos traballadores e o 40% aos propietarios de capital, que o custo das pensións é 17 e que para financialas os traballadores dedican o 30% do seu salario.
 
Con esa distribución da renda resultará que o sistema terá superávit dun euro, posto que o 30% dos 60 euros que reciben os traballadores é 18 (fronte a 17 que custan as pensións). Non obstante, se todo permanece igual (o número de traballadores e o de xubilados) pero o ingreso se distribúe ao 50/50, resultará que o sistema de pensións terá un déficit de 2, posto que o 30% de 50 é 15.

É doado deducir entón que o sistema de pensións ten ameazas e ben grandes: que diminúa o número de empregados e, por riba de todo, que baixe o salario e que a distribución da renda se faga cada vez máis desfavorable para os traballadores.
 
A fraude consiste en facer crer que as ameazas son outras, que as pensións son moi xenerosas e que haberá demasiados xubilados, para propoñer entón medidas para "resolver" a insostibilidade do sistema que o que fan en realidade é facelo desaparecer para favorecer a subscrición de fondos de aforro privados.
 
Non obstante, se se fai unha análise realista chegaríase á conclusión de que o que de verdade hai que facer para salvar o sistema (que é o que quere case o 80% da poboación) non é recortar pensións ou alongar linealmente a vida laboral e diminuír o carácter solidario do sistema para promover que a xente recorra aos seguros privados (sobre cuxa desastrosa evolución e rendibilidade, por certo, nunca din nada os sabios que se dedican a pontificar sobre o suposto fracaso das pensións públicas) senón todo o contrario: facer políticas que fomenten o emprego e, sobre todo, mellorar a distribución da renda que é o verdadeiro quid da cuestión.
 
Se deixamos que os ingresos salariais se sigan deteriorando como ata agora non só faremos que vaian cada vez menos recursos ao sistema de pensións públicas senón que ademais, debilitarase a demanda e o mercado interno, diminuirá a actividade e o emprego e agravarase aínda máis a crise do sistema. Todo o contrario do que acontecería se colocamos á igualdade e o benestar social como obxectivo central das políticas económicas e non ao enriquecemento continuado destes de sempre, como ata agora.

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript