Decembro de 2013
 
 

09/12/2013

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
 

O presidente da Mesa dirixiuse aos reitores das tres universidades galegas para que “tomen medidas ante unha discriminación gravísima e inadmisíbel”

Carlos Callón: “O Goberno español non quere que usemos o galego. Contestemos usándoo de forma máis decidida e consciente!”.
A unha das candidatas ao contrato predoutoral admitíronlle en Holanda “sen ningún problema” o mesmo documento en galego polo que a rexeita o Ministerio español

 

  • Noticias relacionadas

 

O portavoz da Mesa pola Normalización Lingüística enviou unha misiva aos reitores das tres universidades galegas para que tomen cartas no caso do rexeitamento dos candidatos a contratos predoutorais que entregaron un documento en galego.
 
O representante da entidade solicítalle aos reitores que tomen “as medidas precisas para garantir a igualdade de oportunidades dos estudantes formados nas nosas universidades” e que reclamen ao Ministerio de Economía “que cumpra coa Lei e volva a admitir todas as persoas que entregaron documentación no noso idioma”. “Trátase dunha discriminación gravísima e inadmisíbel; dun desprezo consciente ás nosas universidades, ás nosas institucións e á nosa lingua”, afirma tamén na carta o portavoz da maior asociación cultural de Galiza, quen tamén salienta que “a actitude fóbica do Goberno español contra o galego fai que unha persoa formada nunha universidade de Galiza pase a ter menos dereitos e oportunidades para ter un contrato predoutoral”.
 
Carlos Callón tamén apunta que “igual que xa tiñamos constancia de que estes documentos en galego foran admitidos sen problema no pasado por institucións ou universidades arxentinas ou mexicanas, tamén sabemos que o mesmo documento que agora lle rexeita o Ministerio a unha das solicitantes por estar en galego, si foi admitido sen problemas polas institucións holandesas”.
 
Para alén desta carta, o presidente do colectivo cidadán en defensa do idioma de Galiza tamén valora que “o que non quere o PP é que se puider consolidar o galego como lingua de uso oficial, plenamente válido, porque o que ansían é que o único idioma do Estado con dereitos sexa o castelán”. “O seu é un problema de intolerancia cara á diversidade cultural. Mais se o Goberno español non quere que usemos o galego o que nos cómpre facer é usármolo de forma máis decidida e consciente”, apela.

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript