Decembro de 2013
 
 

09/12/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Información do Claustro do día 4 de decembro

O pasado día 04 de decembro realizouse unha nova reunión do Claustro Universitario, como en ocasións anteriores aproveitamos que temos diante ao equipo reitoral e aos representantes da Comunidade Universitaria para plasmar os asuntos que máis preocupan ao colectivo. Imos transcribir o que os representantes do PAS reflectiron na sesión.

 

  • Noticias relacionadas

 

Punto 1.- Aprobación, se proceder, da acta da sesión ordinaria do 30 de abril de 2013
 
Aprobado.
 
Punto 2.- Aprobación, se proceder, do Plan Estratéxico 2013-2020
 
Non houbo intervencións do PAS.
 
Votación:
A favor:          91 votos
En contra:      8 votos
Abstencións: 44 votos
 
Punto 3.- Aprobación das liñas xerais de programación plurianual e orzamentaria para os anos 2014-2015.

Xosé Portela:
 
Segundo o que se expuxo nesta sesión do Claustro, segundo o que se nos presentou nas LIÑAS XERAIS DA PROGRAMACIÓN PLURIANUAL E ORZAMENTARIA 2014-15, segundo o que apreciamos na nosa actividade cotiá, a un Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego 2011-15 que se presentaba como claramente insuficiente, únese o que a Xunta nin sequera cumpre o compromiso adquirido e recorta ano tras ano o salario dos traballadores e traballadoras e os orzamentos da universidade. Esta circunstancia xunto coas taxas de reposición que no PAS é cero provoca que a calidade do servizo que se proporciona se deteriore a marchas forzadas. Cada ano, cada día levar a efecto os compromisos institucionais tanto coa comunidade universitaria como coa sociedade é máis difícil e, de seguir por este camiño farase imposible.
 
A imposición de desorbitadas taxas de matrícula xunto coa falta de residencias universitarias públicas, provoca, por outro lado, que moitas/os estudantes teñan que abandonar a universidade por non poder afrontar os custos. Aínda que a UDC destinou unha cantidade, ao noso xeito de ver insuficiente, para mitigar esta situación, isto serve para paliar minimamente o efecto pero temos a obriga de actuar sobre a causa que o provoca e contra quen lexisla co ánimo de impedir o acceso á educación superior ás clases máis desfavorecidas.
 
Na sesión do Claustro do día 15/5/2012 apoiamos a “Declaración institucional da Universidade en apoio da universidade pública”, non obstante a situación empeorou e prevemos o seu progresivo deterioro. Como vemos o servizo público básico que representa a universidade vese atacado coa mesma virulencia que outros como pode ser a sanidade, non obstante a resposta que damos a este ataque é moito máis feble. A sanidade, sen ir máis lonxe, estará en folga os vindeiros 9 e 10 de decembro.
 
Os pronunciamentos, as declaracións non chegan, hai que pasar á acción. Os traballadores e traballadoras botamos en falta un nivel de mobilización acorde co ataque recibido e requirimos, tanto da institución (pensamos que a resposta debe estar capitaneada polo máximo representante institucional) como do resto da comunidade universitaria que active as mobilizacións cada día máis imprescindibles.
 
Como se observa non se presenta ningunha pregunta, ningunha apreciación ao plasmado na programación plurianual presentada, queremos sinalar que, ou respondemos, ou nos mobilizamos, ou seremos corresponsables, por inacción, do devir da universidade.
 
A vicerreitora de Planificación Económica e Infraestruturas indica que, no que fai referencia aos recortes, está de acordo na diagnose da situación.
 
José Pernas (PDI), transcribimos a súa intervención porque pode ser de interese, tamén.
 
Gastos descentralizados da Biblioteca, pregunta polos parámetros ou criterios para a redución anunciada.  Aposta pola contratación pública socialmente responsable. Pensa que é posible a redución do gasto mediante a eficacia enerxética.
 
A vicerreitora indica que os fondos para a Biblioteca representan un gasto significativo e importante que, a pesar das circunstancias, se mantivo nos últimos anos. Os criterios para o novo reparto, aínda en discusión, parece que serán moi parecidos aos actuais.
 
Votación:
A favor:          77 votos
En contra:      20 votos
Abstencións: 29 votos
 
Punto 4.- Informe de xestión do Valedor Universitario correspondente ao ano 2013.
 
Non houbo intervencións do PAS
 
Punto 5.- Quenda aberta de intervencións.
 
María Gutiérrez
Estráñase do número de abstencións que houbo na votación do Plan Estratéxico, sobre todo de xente que estivo presente nas comisións e, polo tanto, puido plasmar nelas o seu criterio, sinala que as comisións foron abertas á participación dos membros da Comunidade Universitaria.
 
Felipe Fernández
 
1.- Paga extra de decembro de 2012 , quere escoitar o que di a institución. Entende que a Universidade debe reclamar á Xunta os fondos necesarios para afrontar o pago e levar a efecto a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza.
 
2.- Concurso do PAS funcionario, entende que non se levou ben a negociación por ningunha das partes, o xerente fixo unha proposta que logo retirou, solicita que se volva a poñer enriba da mesa. Historicamente o PAS evolucionou porque soubo chegar a acordos nas negociacións, reclama que se retomen as conversas cun verdadeiro espírito negociador
 
3.- No que atinxe ao galego, entende que hai un relaxamento institucional. A páxina web da Universidade ten partes nas que só se publica en castelán. Reclama que os representantes da institución cando se manifesten en público o fagan en galego.
 
A resposta ao punto 1 faina o reitor coa presentada por Nuria Vira.
A segunda non resposta directamente, remitíndose á funcionarización do PAS laboral, fala o reitor da renovación dos Convenios Colectivos de PDI e PAS.
Á terceira indica que se toma nota e que se revisará esta circunstancia.

 
Nuria Vieira
 
1.- Insiste no que ven plasmando de xeito reiterado nos Consellos de Goberno arredor da reclamación da paga extra de decembro de 2012.
 
Indica que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ditou sentenza no Conflito Colectivo presentado polo persoal laboral. Na dita sentenza condénase á Universidade ao abono da parte correspondente da paga extra de decembro de 2012.
 
Recentemente outra sentenza do TSXG, do 13 de novembro, anula a supresión da paga extra de decembro de 2012 xa devengada a un funcionario da Xunta.
 
A Universidade sabe que terá que pagar ao persoal laboral e funcionario, debe, polo tanto, reclamar á Xunta o financiamento necesario para cumprir as sentenzas. Por outra parte recorrer en Casación suporá para a Universidade un custo que só servirá para adiar o cumprimento das obrigas que a Universidade ten cos seus traballadores e traballadoras.
 
2.- Cando se aprobou a RPT de persoal funcionario que contemplaba a creación das UADI  a Universidade adquiriu o compromiso de formar ás persoas que nelas prestasen servizo. A institución incumpriu o compromiso adquirido e as UADI están xa funcionando demostrando os traballadores e traballadoras unha responsabilidade que non tivo a Universidade.
 
Reitor:
Resposta ao punto 1 (a Felipe e Nuria) a Universidade recorre en Casación para involucrar a Xunta e que proceda, deste xeito, a transferir as cantidades necesarias para proceder ao pagamento.
 
Resposta á segunda cuestión: se hai déficit de formación nas UDAI seguirase traballando para que isto non pase.


 
O Claustro na prensa:
 
La Opinión
La Opinión
La Voz
El Ideal
Diario de Ferrol
El Correo
A universidade bota o freo, artigo de La Voz

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript