09/12/2013

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Colaboracións

 

 

Máis colaboracións.

 

Funcionarización requisitos
Ola, son un traballador dos que concorreron ao proceso de funcionarización e aprobei na primeira quenda. Non fai moito recibimos un correo electrónico do Servizo de PAS no que se nos comunicaba a moitos dos aprobados a necesidade de aportar documentación ben sobre o DNI ou sobre o título cotexado.
A miña circunstancia persoal, ao igual que a de todos os que nos presentamos no proceso de funcionarización é que, tal e como se requiría na convocatoria, somos persoal laboral fixo, por outra parte, para o desempeño da praza na que desenvolvo o traballo era esixible, desde o primeiro momento, a mesma titulación que a esixida como funcionario.
Porqué se xa presentei no seu momento a certificación da titulación que permitía a realización do traballo e se este requirimento segue a ser o mesmo, teño agora que volver a presentalo?

Resposta:
Recibimos varias cartas incidindo na mesma cuestión. Como son moi parecidas limitámonos a publicar unha delas.
Puxémonos en comunicación coas compañeiras que no Servizo de PAS fan a tramitación, indicándonos:

  • 1.    Aínda que no expediente figure unha certificación da titulación esixida e esta estea cotexada, non serve para volver a cotexala debendo ser presentada unha nova fotocopia e mostrar o orixinal para un novo cotexo (non se pode facer un cotexo dun cotexo).

  • 2.    Unha fotocopia dun DNI caducado non serve para enviar ao Rexistro Central de Persoal

  • 3.    Que calquera nova situación como pode ser unha promoción… require este mesmo procedemento.

Sinalan, tamén, que recibiron múltiples chamadas no sentido da carta que publicamos. Insisten en que os requirimentos impóñense no procedemento e son imprescindibles para completar o proceso de nomeamento.
Nós requirímosvos comprensión e respecto para a labor das compañeiras, en todo caso se a alguén incomoda o ter que presentar a documentación que se require debe trasladarllo ao Comité de Empresa para que este faga as xestións oportunas ao nivel que corresponda.

 

A democracia real
A convivencia democrática, de feito, está a crecer actualmente na rúa na solidariedade que algúns cidadáns teñen por outros porque o estado non lles facilita as ferramentas para poder gañarse nin sequera o necesario para comer, para defenderse das estafas bancarias, ou das estafas eléctricas, para defenderse do saqueo da corrupción, por poñer só algúns exemplos. Estes cidadáns anónimos democratizan os seus esforzos en traballar por outros, en espazos e necesidades que deberían ser xa garantía.
Non poden protexerse deste movemento imparable de empoderamento cidadán, non poderán protexerse das propostas prácticas da cidadanía, das nosas medidas.
Non poden protexerse deste cambio que xa está aquí. Porque é imparable. Non poderán seguir protexendo as súas cadeiras quentes no congreso.

Desobediencia civil
Estannos a empurrar cara á desobediencia civil, por iso pretenden disuadirnos coa nova lei de seguridade cidadá. Como primeiro paso, coartaron o noso acceso á xustiza mediante prezo, garantíndose a impunidade en moitos dos atropelos que ían cometer contra os cidadáns da pé. Ata agora fomos uns años; espero que esta nova lei que queren aprobar, lles abra os ollos aos que non queren ver e as canas se volvan lanzas contra do goberno.

Ás veces
Ás veces hai que entrar nun supermercado e levarse produtos sen pagar para repartilos entre os máis necesitados e abandonados polo Estado.
Ás veces hai que entrar en vivendas que non son túas para poder garantir un teito baixo o que gorecerse da chuvia ou do frío. E mesmo chamalo fogar.
Ás veces hai que seguir a un responsable que actúa irresponsablemente para conseguir que cambie de actitude e se comporte segundo o mandato dado polos cidadáns.
Ás veces hai que esaxerar o que non é máis que un trámite procesual para igualar a loita con quen manda antidisturbios a rebentar cranios, con quen mantén listas negras, con quen multa indiscriminadamente nas manifestacións.
Ás veces hai que se enfrontar aos que desexan volver a 1936 para evitar que os seus desexos se fagan realidade, se chamen estes Foro ou te chamen a ti "fascista de esquerdas".
Ás veces hai que estampar un merengue francés, ensinar unha sandalia, dar unha labazada ao atril, poñerte unha camiseta con mensaxe política para que os que loitan e desobedecen saiban que sempre, e non ás veces, terán alguén ao seu lado.

 

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript