Decembro de 2013
 
 

09/12/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Rodea o CXPX

Para a próxima convocatoria, en vez de rodear o Congreso eu propoñería o rodeo da sede do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Tanto se se quere escenificar o rescate da democracia, coma se se pretende apuntar ao Poder con maiúscula, o sitio ao que acudir non é o desvalorizado hemiciclo da Carrera de San Jerónimo, senón máis ben o edificio nobre de Marques de la Ensenada. O seu salón de plenos é por onde pasará boa parte do futuro inmediato deste país.

 

  • Noticias relacionadas

 

Abonda botar unha ollada a todas as frontes abertas hoxe: o que teñen en común é que todos teñen unha citación xudicial para datas próximas. Os casos de corrupción (Bárcenas, Gürtel, ERE, Urdangarín e señora, etc), o saqueo económico (as preferentes, as caixas de aforro), as privatizacións, os desafiuzamentos, e por suposto a represión da protesta, tras o endurecemento da nova Lei de Seguridade Cidadá.
 
A actualidade escríbese en prosa xudicial dende hai tempo, e cada vez serao máis. En mans de xuíces está que se abran investigacións, que se arquiven casos, que haxa condenas, e despois os recursos nos sucesivos chanzos: audiencias provinciais, tribunais superiores, Supremo, Constitucional.
 
Por iso cando mañá os vinte novos vogais do CXPX xuren ante o rei, terase consumado un novo "atado e ben atado", cuxas consecuencias alcanzarán moitos anos, mesmo máis alá dun hipotético cambio de goberno en próximas eleccións (pois alteralo necesitará outra maioría cualificada en Congreso e Senado como a actual).
 
Aínda que por descoñecemento creamos que o CXPX non vai connosco, que é unha cousa velluna de xuíces con toga e puntilla, o seu poder é enorme. Abonda ver cales son as súas funcións, sobre todo no que se refire a nomeamentos. Polas súas mans pasan os membros do Tribunal Supremo, pero tamén os presidentes de salas dos Tribunais Superiores e Audiencias Provinciais, que non son calquera cousa. Ademais de controlar o réxime regulamentario dos xuíces (que permite sancionar ou apartar os xuíces díscolos).
 
Como en toda grande ocasión que se prece, PP e PSOE foron da man para renovar o órgano de goberno dos xuíces, repartíndose por cotas as cadeiras de brazos e asegurando membros afíns e de lealdade garantida. A politización da institución non é nova, pero todas as asociacións de xuíces coinciden en que nunca tanto como agora. O ministro Gallardón preparou a xogada á súa medida, e despois os dous partidos pactaron non se pisar a mangueira. É dicir, non vetar ningún candidato, malia que algúns sexan tan impresentables como o madrileño Martínez Tristán. Ao acordo déronlle colorido outros grupos, a cambio dunha cadeira que vale pouco ante a maioría sólida que terá o PP (que poderá decidir a elección do presidente do CXPX, que o será tamén do Supremo).
 
É moi coherente que o pacto polo que os dous grandes partidos sistémicos se blindan no xudicial quede formalizado na semana de celebración da Constitución. A repartición do Poder Xudicial está na mellor tradición desta democracia, que se fundou, non o esquezamos, sobre un "atado e ben atado" que en ningún ámbito foi tan férreo como no xudicial, onde a impunidade do réxime quedou garantida nunha continuidade vestida de toga.
 
O acordo actual, que facilita ao PP a maior concentración de poder que coñecemos nesta democracia (pois suma o xudicial ao control que xa ten doutros órganos e institucións), pode lerse na mesma clave de impunidade. Cando todo un sistema político e económico parece abocado tarde ou cedo ao banco, o poder xudicial convértese no Poder.

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript