Novembro de 2013
 
 

25/11/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Fai falta unha lei de folga

Unha lei de folga? Por suposto: fai falta unha, e con urxencia. Cada ano que pasa é máis necesaria, pois teñen razón o presidente do goberno, a alcaldesa de Madrid ou o presidente da patronal: cada vez máis cidadáns ven afectados os seus dereitos esenciais por non ter unha lei que os ampare, e a falta de lexislación permite os abusos e as prácticas salvaxes. Fai falta unha lei de folga que garanta dereitos, remate cos abusos e poña a cada un no seu sitio.

 

  • Noticias relacionadas

Si, non me miren así, falo en serio. Na última folga xeral, por exemplo, houbo millóns de cidadáns que non puideron exercer o dereito recoñecido no artigo 28.2 da Constitución: o dereito á folga. Xa lles gustaría ter unha lei que os amparase, que garantise o seu dereito, que lles permitira facer folga sen medo a ser despedidos ao día seguinte, sen coacción empresarial.
 
En canto aos abusos, están á vista de todos: o piquete máis activo en toda folga sempre é o piquete patronal. Os reventadores non son os que poñen silicona nos fechos ou bloquean a saída de autobuses nas cocheiras, senón os xefes que pasan lista o día antes e preguntan aos traballadores quen pensa facer folga, e toman nota.
 
Fai falta unha lei de folga, si: unha que protexa aos que máis dificultades teñen para exercer o seu dereito, aqueles para os que a precariedade é un servizo mínimo insalvable. Unha lei para que as autoridades, policía incluída, persigan os empresarios reventafolgas coa mesma contundencia que empregan contra os piquetes.
 
E o mesmo poderiamos dicir dos servizos mínimos: o incumprimento sistemático non é dos traballadores, senón dos gobernantes que unha e outra vez interpretan o baleiro legal ao seu antollo e fixan mínimos abusivos, mesmo en servizos que non teñen nada de esenciais. Mínimos que se repiten folga tras folga, aínda que a xustiza dea a razón aos traballadores a touro pasado.
 
O dos "servizos mínimos" é un invento moi español, alleo a outros países onde si está regulado o dereito á folga, e que aquí se interpreta arbitrariamente. Enriba adoita servir para outros abusos habituais: a guerra de cifras, a habitual porcentaxe pequena e con decimais con que as autoridades subvalorizan o éxito de toda folga; e a fabricación dunha imaxe de "normalidade", que rompa a excepcionalidade que leva consigo toda folga.
 
En canto a prácticas salvaxes, unha lei de folga debería poñer couto a unha cada vez máis frecuente: o esquirolaxe, ao que tantas empresas recorren mediante subcontratación, externalización de tarefas afectadas, ou levando a produción a outros centros. Unha lei de folga debería impedir que unha alcaldesa chantaxee os traballadores ameazando con recorrer a outra empresa; ou que unha concesionaria dun servizo como a lavandaría hospitalaria de Madrid poida levarse o traballo a outras instalacións para anular a protesta dos seus traballadores, e así non lles quede máis remedio que aceptar salarios de miseria.
 
Claro que fai falta unha lei de folga contundente. Igual que necesitamos unha lei de seguridade cidadá, pero unha que mereza ese nome, que faga sentir máis seguros os cidadáns: unha lei que nos protexa no noso dereito de reunión e manifestación, para que non sexamos acosados e golpeados, infiltrados por policías rebentadores, identificados arbitrariamente, sancionados abusivamente. Para que alguén poida ir a unha manifestación sen arriscarse a volver vesgo para a casa.
 
Pero claro, se a lei de seguridade cidadá llela encargan a un antidisturbios, imaxino que a lei de folga poñerana en mans dalgún xefe de recursos humanos experto en rebentar folgas, ou mesmo a algún dirixente patronal que onte celebraba o anuncio de Rajoy.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript