Novembro de 2013
 
 

25/11/2013

   CUTUDC / Novidades

  15 M
 

Nova querela contra responsables da estafa hipotecaria

O Tribunal Cidadán de Xustiza querélase contra 90 directivos de Caixa Madrid e unha taxadora na primeira dunha serie de demandas contra entidades bancarias implicadas na concesión de préstamos hipotecarios irregulares. A campaña continua o traballo xa iniciado pola querela de 15mParato.

 

  • Noticias relacionadas

O Tribunal Cidadán de Xustiza (TCX), un colectivo xurdido das primeiras asembleas do 15 M en Madrid, presentou na Audiencia Nacional a primeira dunha serie de querelas contra os que consideran responsables da "xeración ilegal de débeda bancaria que se converteu en débeda pública". A querela presentada diríxese contra 90 directivos, con nomes e apelidos, de Caixa Madrid e a taxadora TasaMadrid implicados na concesión de préstamos hipotecarios para a adquisición de vivenda entre 2003 e 2008, os anos de maior auxe da burbulla inmobiliaria. Entre eles, nomes coñecidos como o expresidente da entidade, Miguel Blesa, ou cargos máis escuros como o vicepresidente e vogal no consello de administración por Esquerda Unida, José Antonio Moral Santín.
 
O colectivo elaborou esta querela tras o traballo de dous anos de recollida de escritos de compravenda, informes de taxación e contratos hipotecarios a través das asembleas de barrio do 15 M ou as asesorías colectivas da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH). "Esta investigación levounos a identificar os delitos dos xestores dos bancos e as caixas", sinalou Liliana Pineda, do TCX. En concreto, os delitos polos que se presenta a querela son os de estafa, administración desleal, falsidade documental, apropiación indebida e alteración no prezo das cousas. Tecnicamente, a querela preséntase en nome dun grupo de accionistas da entidade que colaborou co TCX.
 
Para o TCX, o sucedido no mercado da vivenda neses anos non responde tanto a un mecanismo de mercado coma a unha alteración consciente e planificada no prezo da vivenda. "O obxectivo era inflar a cantidade de débeda que se xeraba, e aquí participaban tanto as taxadoras, coma as inmobiliarias como os directores de sucursal dos bancos", sinalou Pedro Martín, avogado e tamén membro do Tribunal Cidadán de Xustiza. "Demostramos -asegura- que os xestores de Caixa Madrid e Tasamadrid sobrevaloraron de forma masiva todas as garantías que tiñan co fin de endebedar á entidade para lucrarse eles". Como exemplo destas prácticas, citan a existencia de comisións por venda en cada sucursal bancaria.
 
Esta querela súmase así á xa presentada -e admitida pola Audiencia Nacional dentro da causa instruída polo xuíz Fernando Andreu- pola campaña 15MpaRato contra a manipulación no prezo das accións de Bankia -sucesora de Caixa Madrid tras o rescate estatal e europeo ás caixas de aforros-- no momento da súa saída a bolsa. O TCX ten previsto dar máis información pública sobre a querela ao termo da manifestación "Xuízo á Banca" que está convocada en Madrid para o sábado 23 entre a Praza de España e a Porta do Sol.
 
http://www.diagonalperiodico.net/

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript