Novembro de 2013
 
 

18/11/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Radon na UDC

Como sabedes os servizos que albergaba a Casa do Francés trasladáronse debido a unha concentración máis alta do permitido de gas radon. Recibimos unha carta dun compañeiro que mostra a súa preocupación, tras coñecer o sucedido no SAPE e aproveitamos a súa misiva para manifestar a nosa opinión sobre o acontecido e a actitude da institución.

 

  • Noticias relacionadas

 

Como traballador da Universidade da Coruña hai xa algúns anos que traballei no edificio da Casa do Francés.
 
A semana pasada decatámonos que todo o persoal que prestaba servizos no edificio foi trasladado a unha nova localización porque se detectaron altos niveis de contaminación por radon no edificio.
 
Radon? Seguro que non a todos soábanos ese nome aínda que supón a maior fonte de radioactividade natural (aproximadamente o 50%), e en Galicia hai moito, proveniente principalmente da desintegración do uranio contido no granito, pero agora sóanos máis e sobre todo a min preocúpame.

Desde que coñecín a noticia comecei a informarme sobre o tema, principalmente en internet e o tema acollóame un pouco.
 
O radon non cheira, non ten sabor, non ten ningunha cor, non nos irrita os ollos nin a gorxa, pero é responsable de moitos cancros de pulmón e ten un período de latencia da enfermidade establecido en 20 anos (período entre a exposición a un axente causal dunha enfermidade e a aparición das manifestacións da enfermidade).
 
A Axencia Internacional de Investigación sobre o Cancro (IARC) da Organización Mundial da Saúde (OMS) define ao radon como un carcinóxeno humano.
 
Segundo a EPA Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos, a exposición ao radon é a segunda causa principal de cancro pulmonar nos Estados Unidos e a principal nas persoas que non fuman.
 

 
Un traballo realizado na década dos 90 por dous profesores da Universidade de Santiago de Compostela (Xoán Miguel Barros Divos e Alberto Ruano Raviña) demostra por primeira vez a relación directa entre o gas radon e o cancro de pulmón “persoas con niveis elevados de radon no seu domicilio teñen máis do dobre de probabilidades de presentar cancro pulmonar que as persoas con menos radon nas súas casas”.
 
Creo que a acción adoptada pola UDC cos nosos compañeiros e compañeiras é correcta, pero desde o meu punto de vista e sempre desde o descoñecemento na materia, hai algúns elementos que non se tiveron en conta, ou se se tiveron en conta, eu, como traballador da UDC e posible afectado, descoñézoos e dese descoñecemento veñen as miñas dúbidas.
 
Vaise a informar o persoal da UDC que traballamos nese edificio dos riscos aos que estivemos expostos?
 
Váisenos a ofrecer a aplicación dalgún procedemento para o control da nosa saúde pola posible exposición ao radon que sufrimos?
 
No edificio onde traballo agora hai risco por radon? realizouse algún control?
 
Vaise a informar a todos os traballadores e traballadoras da UDC do sucedido co radon? das accións realizadas e previstas a realizar?
 
Consultouse ou informouse aos representantes dos traballadores do ocorrido e das accións previstas pola UDC?
 
Esta é a carta recibida á que nós temos que engadir:
 
A Institución ten a obriga de velar pola seguridade e saúde dos seus traballadores e traballadoras, a Xerencia ten a obriga de informar á Xunta de PAS e ao Comité de Empresa da situación na que os traballadores e traballadoras realizan o seu traballo (esta obriga abrangue tamén as condicións ambientais e de saúde), tamén de todas as accións que, como neste caso, a Universidade entenda necesario realizar (como o traslado do persoal) e, en razón da súa urxencia, de ser posible antes de seren aplicadas, se non é posible facelo antes da aplicación das medidas, os órganos de representación deben ser informados de xeito inmediato. Neste caso non se fixo, que nós saibamos, esta preceptiva comunicación polo menos coa dilixencia que reclamamos. Pensamos que isto demostra a pouca consideración que para a Institución ten a representación do PAS.
 
Aínda máis, neste caso non só tería que informar, coa urxencia que o caso require, do traslado dos servizos e persoal senón que debeu ser convocado o Comité de Seguridade e Saúde para avaliar a situación e dar as respostas necesarias.

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript