Novembro de 2013
 
 

18/11/2013

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
 

A Mesa acusa a Negreira de prevaricación

A Mesa denuncia perante o Valedor a exclusión do galego nas actividades e campañas do Concello da Coruña. outro.

 

  • Noticias relacionadas

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou unha queixa perante o Valedor do Pobo contra o Concello da Coruña pola súa nova campaña en que se exclúe a lingua galega, nesta ocasión ademais recuperando en moitos dos soportes o topónimo ilegal “La Coruña”. A Mesa denuncia que o Concello incumpre a lexislación sobre o uso do galego como lingua propia das administracións locais e vulnera os dereitos lingüísticos da cidadanía ao excluír o galego de todas as súas campañas e actividades.
 
Para a entidade que preside Carlos Callón non é “nada inocente” nin a “esforzada discriminación do noso idioma” nin a “pensada desobediencia ás sentenzas xudiciais e aos propios acordos municipais, impropio dun goberno democrático, ao decidiren utilizar o topónimo *La Coruña nos logotipos do Concello”, cuxa ilegalidade foi ratificada en numerosas ocasións por todas as instancias xudiciais, desde o TSXG até o Tribunal Supremo e o Constitucional. Hai que lembrar, ademais, que o Concello acordou finalizar con este litixio e comezar a acatar as sentenzas, mais que se comeza a desobedecelas de novo podería abrirse de novo esta fronte xudicial.
 
Desde A Mesa sinalan que son numerosas as queixas que reciben pola “sistemática” exclusión do galego nas campañas e actividades do concello herculino. A última da que teñen constancia é do evento “Coruña Wapa”, que promove e patrocina co logotipo ilegal Ayuntamiento de La Coruña. (Adxuntamos imaxes dos carteis publicitarios distribuídos na cidade e dos videos promocionais pendurados en youtube).
 
Esta exclusión é contraria á lexislación aplicábel, por incumprir o artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía, o artigo 6.3 da Lei de normalización lingüística, e sobre todo a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galiza, que no seu artigo 7 promulga que “o galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa Administración Local”, e continúa indicando que “todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega”.
 
O portavoz deste movemento cidadán en defensa do galego, Carlos Callón, apuntou que “non é a primeira nin a segunda nin a terceira vez que isto acontece... o varrido do uso do galego por parte do Concello da Coruña é total desde a chegada de Negreira á alcaldía, desprezando non só a lexislación senón os milleiros de coruñesas e coruñeses galegofalantes que son ignorados desde o seu propio Concello e, tamén, contrariando a opinión de todas as persoas da Coruña que falan castelán mais que aman a nosa lingua e desexan que non sexa discriminada”. “A inmensa maioría da cidadanía coruñesa, fale galego ou fale castelán, ama o galego e quere que o Concello use o idioma que nos une como galegas e galegos”, concluíu.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript