Novembro de 2013
 
 

18/11/2013

   CUTUDC / Novidades

  CRIMINALIZACIÓN DA PROTESTA CIDADÁ
 

Cinco formas de protesta que o Goberno pretende converter en delito

Tanto o Ministerio de Xustiza como o de Interior están levando a cabo modificacións lexislativas, no primeiro caso do Código Penal e, no segundo, coa introdución da chamada Lei de Protección da Seguridade Cidadá.

 

  • Noticias relacionadas

Xa en marzo do ano pasado, nunha comparecencia de ministros, o responsable de Interior, Jorge Fernández Díaz, advertiu que se debía impedir que "a crise que vivimos derive en situacións que ningún de nós desexamos, evitando o incremento de actividades que xera alarma social entre os nosos concidadáns e que afectan á paz social, elemento esencial de todo país desenvolvido,".
 
A mediados de outubro a plataforma No Somos Delito denunciou que "ao ler determinados artigos dá a sensación de que o Ministerio de Xustiza se dedicou a recompilar as novas formas de protesta cidadá do último ano para despois convertelas en delito". Unha tendencia que tamén se ve reflectida na nova lei proposta dende Interior e que, a Plataforma en defensa das Liberdades Democráticas, definiu como a norma que "pecha o círculo represor do Ministerio de Xustiza".
 
Se se aprobasen hai dous anos as modificacións propostas polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, para o Código Penal e a nova norma coa que aspira non deixar baleiros legais Fernández Díaz, non poderían existir moitas das vías de expresión de protesta que os cidadáns buscaron para expresar o seu malestar ante as medidas gobernamentais.
 
1.- As redes sociais como vía para o chamamento da poboación a sumarse a unha "protesta non autorizada"
 
Durante o pasado mes de agosto algúns medios de comunicación prestaron especial atención ao caso da familia Gracía González, aos que o Concello de Madrid trata de arrebatarlles a súa vivenda con motivo dunha expropiación en virtude dun plan urbanístico de remodelación que afecta á vivenda, situada na rúa Ofelia Nieto, 29, no madrileño distrito de Moncloa.
 
Durante todo o proceso, tanto os membros da Asemblea de Tetuán coma os cidadáns que se solidarizaron cos Gracia González, fixeron chamamentos mediante as redes sociais para convocar a todo aquel que puidese achegarse ata a súa vivenda co fin de reforzar a protección da familia. Grazas a esta convocatoria cidadá púidose evitar que o Concello levase a cabo a expropiación.
 
As reformas do Código Penal prevén tipificar este tipo de accións, que pasarán a formar parte do grupo de delitos de alteración de orde pública, para os que se establecen penas de cárcere de ata tres anos. Para completar esta norma, a nova lei proposta por Interior, tamén considera delituosas as "protestas non autorizadas".
 
2.- Resistencia pasiva
 
Alberto Ruiz Gallardón pretende que tamén a resistencia pasiva se integre dentro dos delitos contra a orde pública, máis concretamente como un de resistencia á autoridade. No Código Penal aínda vixente, unha persoa pode cometer un atentado contra a autoridade unicamente mediante a resistencia activa. Coa reforma que queren introducir, tamén será delito a resistencia pasiva, que se considerará de maior gravidade se se leva a cabo "nunha manifestación ou unha reunión numerosa". É dicir que, as accións que se levaron a cabo dende que naceu o 15 M, hai algo máis de dous anos, relacionadas con sentadas masivas e pacíficas de protesta en espazos públicos tamén poderán ser castigadas con ata tres anos de cárcere.
 
3.- Sabotaxe no metro
 
O grupo de activistas Toma o Metro foi especialmente coñecido no Estado tras protagonizar unha acción reivindicativa en abril do ano pasado. Coa fin de protestar contra o chamado "tarifazo" (aumento de prezo constante do billete de transporte público) varios deles tiraron simultáneamente do freo de emerxencia de trece trens correspondentes a nove liñas diferentes a primeira hora da mañá. Esta acción tivo como consecuencia a interrupción do servizo en toda a rede de metro madrileña durante algo máis de dez minutos.
 
Esperanza Aguirre, entón aínda presidenta da Comunidade de Madrid, asegurou que os autores non ían quedar impunes e que a capital de España tiña a sorte de contar cunha delegada de Goberno (Cristina Cifuentes) que cría "no cumprimento da lei, en cumprila e facela cumprir".
 
Por se a férrea vontade de Cifuentes de facer cumprir a lei non fose suficiente, o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, decidiu ampliar a definición do delito de sabotaxe. Ata agora era necesario causar danos nas vías férreas, conducións de auga, gas ou electricidade, que obstaculizasen a subministración ou que se destruísen liñas de correspondencia ou telecomunicacións.
 
Se se aproba a reforma do Código Penal, abondará con interromper o funcionamento dos servizos de telecomunicacións ou de transporte público, de maneira que se altere gravemente a prestación normal do servizo. Para os que sexan condenados pola comisión deste delito contémplanse penas de prisión de entre un e cinco anos
 
4.- "Asedio" ás institucións públicas
 
Tal e como explicou no Congreso dos deputados o pasado 13 de novembro o ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, a nova Lei de Seguridade Cidadá incluirá como delitos accións que ata agora non estaban tipificadas, tales como "os intentos de acoso a sedes de centros de institucións como pode ser o Congreso, o Senado, o Tribunal Supremo, o Tribunal Constitucional ou o Consello Xeral do Poder Xudicial".
 
Unha medida que puido inspirarse en Rodea el Congreso, unha protesta que naceu o 25 de setembro do ano pasado co obxectivo de "rescatalo dun secuestro que converteu" a esta institución" "nun órgano superfluo". Este acto reivindicativo rematou con máis de 20 detidos e un heroe cidadán, Alberto Casillas, camareiro do bar El Prado, que se enfrontou a un grupo de antidisturbios que pretendía ingresar no seu local para deter varios manifestantes que se refuxiaran nel.
 
5.- Escraches malditos
 
O 5 de abril de 2012, máis dun centenar de activistas da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) acudiron á porta do domicilio do vicepresidente do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría. O seu obxectivo era explicarlle, entre outras cuestións, por que consideraban que debían posicionarse a favor da dación en pagamento os deputados do Partido Popular.
 
O marido do vicepresidente presentou unha demanda mediante a que denunciou sentirse intimidado ao non poder sacar a pasear ao seu fillo. Un mes despois un xuíz desestimou a demanda ao entender que se trataba dun acto levado a cabo dentro do exercicio dos dereitos de manifestación e liberdade de expresión. Un enfoque co que difire Jorge Fernández Díaz, quen pretende incluír os escraches como unha forma de delito dentro da súa nova lei de Seguridade Cidadá.
 
La Marea

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript