Novembro de 2013
 
 

18/11/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Castigar ao desobediente

Patricia, unha veciña do meu barrio (Hortaleza, en Madrid), acudiu hai un par de anos a unha convocatoria para paralizar o desafiuzamento dunha familia por parte da Empresa Municipal da Vivenda. Varias decenas de veciños intentaron sen éxito impedir o desafiuzamento: trala intervención da Policía Municipal, os cinco membros da familia (nai, avoa, tres fillos) remataron na rúa. Os veciños limitáronse a mostrar resistencia pasiva, sentado fronte ao portal, e foron arrastrados polos policías, como se ve neste vídeo ou neste outro.

 

  • Noticias relacionadas

A concentración disolveuse e Patricia volveu á súa casa, frustrada por non impedir o desafiuzamento, pero sen máis consecuencias. Pero esa mesma tarde foi detida no seu domicilio e levada a comisaría, onde pasou a noite. Para a súa sorpresa, acusárona de atentado á autoridade, de ter causado lesións graves a un axente (un brazo roto). Comezou un proceso cheo de irregularidades, sen testemuñas nin probas da suposta agresión. Ata hoxe: dous anos despois, Patricia espera data para o seu xuízo. A fiscalía pide para ela tres anos de cárcere, o xuíz impúxolle unha fianza de 8.900 euros, e a ela só conta coa nosa solidariedade.
 
O caso de Patricia é outra proba máis da dureza con que as autoridades castigan os desobedientes, buscando unha sanción exemplificante que sirva como disuasión aos que participan nesas convocatorias. Poderiamos falar tamén de Alberto, cuxo activismo noutra loita veciñal histórica de Madrid, contra os parquímetros, deixoulle unha condena a un ano de cárcere e o empeño en que ingrese en prisión, malia o seu estado de saúde. O dos cinco profesores de Guadalajara que se enfrontan a unha petición de catro anos de cárcere tras unha protesta pola educación pública. Ou do disparate de considerar uns tartazos a unha presidenta autonómica como un atentado á autoridade que pode custar ata nove anos de cárcere. O da persecución incesante contra os dirixentes do Sindicato Andaluz de Traballadores.
 
Sen ameaza de cárcere, pero si con sancións económicas, están centos de cidadáns que nos últimos anos participaron en manifestacións, acampadas, escraches, rodeos ou paralización de desafiuzamentos. Foron identificados pola Policía, e semanas despois encontráronse na caixa de correo unha multa ou unha citación xudicial. Alteración da orde pública, resistencia á autoridade, manifestación non autorizada, son termos cos que xa nos familiarizamos.
 
A estratexia é evidente, sen disimulo ningún: reprimir a disidencia, por pacífica que sexa, e facelo cunha dureza desproporcionada. Ben sexa retorcendo o Código Penal, ou mediante a burorrepresión, esa forma de represión branda que substitúe a porra polo bolígrafo; en vez de abrirche a cabeza, ábreche un expediente sancionador. O que tampouco significa que desaparezan as porradas, así podes ter premio dobre: porrada e multa.
 
Podemos pensar que se endurece a represión contra a disidencia, pero non é de todo certa: máis ben esténdese, amplíase. O poder sempre tratou con moita dureza aos que o desafían. Que llelo pregunten a antimilitaristas, insumisos, ocupas, ecoloxistas ou a numerosos colectivos sociais vascos asimilados ao terrorismo pola teoría do "ámbito do ámbito". Dende a Transición, quen rompe as formas consensuais de protesta págao caro.
 
Hoxe a represión aos disidentes, máis que endurecerse, esténdese. O desafío ao poder non está xa nas marxes, senón no centro da praza. E hai que cortalo como sexa, trazar grosas devasas antes de que o incendio se estenda. Como as multas e as ameazas de cárcere non son suficientes, e en moitos casos os xuíces rematan arquivando ou anulando as sancións, a resposta é endurecer o Código Penal e castigar as novas formas de protesta.
 
O castigo á desobediencia non só escandaliza pola súa desproporción. Ademais fai máis evidente a impunidade de que gozan outros.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript