Novembro de 2013
 
 

11/11/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Pechado por atraco

No meu barrio hai unha xoiaría pola que paso a diario. Dende hai semanas o escaparate está cuberto cunha enorme pancarta que anuncia: "Liquidación total. Pechamos por atraco". En efecto, hai meses sufriron un roubo do que non puideron recuperarse, e que os leva a baixar a persiana tras vender o que poidan.

 

  • Noticias relacionadas

 

A realidade estase a volver tan obvia, tan evidente na súa obscenidade, que as metáforas sáenche ao paso pola rúa. A desta xoiaría pide a gritos ser adoptada, así que a recollo. Dende que a vin, a súa pancarta acompáñame por onde vou. E ao xeito daquel Larra que percorría Madrid como un cemiterio, e en cada edificio vía unha lápida mortuoria, eu agora vexo por todas as partes carteis de "Pechamos por atraco".
 
Aí está a radiotelevisión valenciana, agonizando tras dúas décadas de saqueo sistemático, xestión delirante, utilización partidista ou directamente delincuencia organizada. Culpar aos traballadores, ou á Xustiza por anular un ERE que a propia Generalitat sabía que tiña un " risco elevado" de ser anulado, merece que alguén colgue na súa fachada un cartelón de "Pechamos por atraco". Todo se entenderá mellor.
 
Sen afastarnos moito -tamén na Comunidade Valenciana- encontramos outro atraco, este de manual, con fuxida caribeña incluída: a Caixa de Aforros do Mediterráneo (CAM), a antiga caixa levantina que tivo que ser intervida pola situación de ruína en que se encontraba. Hoxe sabemos que os seus directivos, tras repartirse o botín cos seus compañeiros, planeaban fuxir a un destino cálido e exótico, cual Dioni de colo branco.
 
O sistema enteiro de caixas de aforro, liquidado da noite á mañá, rescatado con diñeiro público, entregado ao mercado ou malvendido ao mellor ofertante. De Bankia para abaixo, miles de sucursais de ex caixas merecerían cubrir os seus ventanais con carteis similares: "Caixa liquidada, pechamos por atraco".
 
Seguiriamos con aquelas empresas afundidas pola cobiza dos seus directivos, por entregarse á xestión financeira, por querer xogar no casino onde sempre gañan estes. Empresas que caeron en concurso de acredores, que despediron miles de traballadores, que dilapidaron unha longa historia e unha marca, e que hoxe poderían anunciar o mesmo: "Pechamos por atraco".
 
Unha vez que te pos a colocar carteis, xa non paras. Nesta paisaxe de ruínas en que vivimos, hai tantas institucións, servizos públicos, empresas, medios de comunicación e todo tipo de entidades que hoxe atravesan momentos críticos ou directamente son liquidadas, e que previamente foron atracadas, sufriron o saqueo da súa caixa forte pero tamén das súas posibilidades de futuro.
 
Ás veces os atracadores viñen de fóra, pero na maioría de atracos estaban dentro, sentábanse nos seus despachos nobres. E con algunhas excepcións, a norma é a impunidade. Os saqueadores vanse tranquilos, a miúdo lévanse o botín, ás veces seguen a súa carreira delituosa noutros despachos por saquear.
 
Por iso, xunto a centos de carteis de "Pechamos por atraco", habería que empapelar medio país con outros do tipo "se busca", co retrato dos atracadores, antes de que continúen os seus delitos.

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript