Novembro de 2013
 
 

11/11/2013

   CUTUDC / Novidades

  TVE
 

Os traballadores sociais esixen a TVE que retire o 'Entre todos'

O Consello Xeral do Traballo Social denuncia como o formato contradí o seu Código Deontolóxico e promove a substitución dos dereitos sociais pola caridade, sen respectar a dignidade das persoas.

 

  • Noticias relacionadas

 

O Consello Xeral do Traballo Social denuncia como o formato contradí o seu Código Deontolóxico e promove a substitución dos dereitos sociais pola caridade, sen respectar a dignidade das persoas. A presidenta do Consello, Ana Lima, rexeitou o convite de asistir ao programa como asesora experta.
 
O Consello Xeral do Traballo Social (CGTS) esixe a TVE que elimine a emisión do 'Entre Todos', que estreou hai unhas semanas. O Consello denuncia que o programa, baseado na recadación de diñeiro para axudar a familias necesitadas, é un claro ataque ao Estado de Benestar, á universalidade dos dereitos sociais e só supón un parche para os problemas das familias, cuxa dignidade non se respecta.
 
O programa contradí o Código Deontolóxico do Traballo Social en tanto en canto non aborda os problemas dende o punto de vista da universalidade da axuda, a planificación desa axuda, a confidencialidade dos datos da persoa afectada e a involucración da familia no seu proceso de recuperación económica e social, entre outros.
 
Por estas razóns, a presidenta do Consello, Ana Lima, rexeitou o convite que lle fixo a dirección do programa para que participase neste como asesora experta. Lima considera que a súa participación neste programa só podería xustificarse para manifestar a súa oposición a este.
 
Os e as traballadoras sociais consideran "inadmisible que a televisión pública estatal vulnere dunha forma tan evidente a dignidade das persoas, mediante un periodismo do máis amarelo e rancio que chama ao choro e potencia a pena cara á persoa necesitada. Rexeitamos esa actitude, en tanto en canto defendemos a igualdade e dignidade social,".
 
'Entre Todos' é un programa, que con outro nome - 'Tiene Arreglo' - emitía ata esta tempada Canal Sur. Foi naquela etapa cando a produtora chegou a dirixirse aos servizos sociais municipais andaluces para que os e as traballadoras sociais acreditasen se as persoas que chamaban pedindo axuda a necesitaban ou, non algo que contradí por completo os principios da profesión, ao ter que revelar datos confidenciais, por exemplo. No seu día, o Consello Andaluz do Traballo Social emitiu un ditame profesional argumentando a súa negativa a participar.
 
O Consello Xeral do Traballo Social non se opón á solidariedade, a que os cidadáns contribuamos coas nosas accións cotiás a axudarnos entre nós. Pero esa axuda nunca debe substituír o sistema público de protección social, como está a acontecer. Dende fai xa máis dun ano, os e as traballadoras sociais están a denunciar un desmantelamento orquestrado do Estado de Benestar, que se acelerou nos últimos meses. Os recortes e eliminación das partidas sociais nos presupostos (como o plan concertado), o endurecemento dos requisitos para obter axudas e os cambios lexislativos aplicados (moi patentes na Lei de Dependencia) e os que están en trámite parlamentario (a reforma da Administración Local eliminará os servizos sociais municipais) son algúns exemplos.
 
No seu lugar, o Goberno está a executar unha campaña, de feitos e mediática, para xustificar o sistema de beneficencia preconstitucional, que con tanto esforzo se superou. O CGTS considera 'Entre Todos' é un exemplo máis desa nova dinámica. Por iso pide a súa retirada.
 
http://www.tercerainformacion.es

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript