Novembro de 2013
 
 

11/11/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE - PERSOAL LABORAL
 

A situación do Comité de Empresa

Por moito que estes días pasados parte dos sindicatos que aínda forman parte do Comité de Empresa emitiran comunicados nos que se autofelicitaban da consecución dunha serie de obxectivos e daban por sentados outros tantos, haberá que, como mínimo, relativizar tanto entusiasmo.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

Cando se produciu a dimisión en pleno dos representantes da CUT debido a un vergoñento cambio de posición ao respecto da RPT (algún sindicato fíxoo sen previo aviso ao resto do Comité e anunciouno na asemblea de Ferrol) e a posterior perdida de confianza referendándose a posición do medo (infundado) nas asembleas, tiñamos claro que isto ía suceder.
 
Gabarse da consecución do “corpo único” parece, cando menos, algo pretensioso.
 

  • O acordo de funcionarización asinouse no mes de xullo de 2012

  • Os cursos preparatorios para a funcionarización realizáronse, coa CUT como parte maioritaria do Comité, durante os meses de  setembro, outubro, novembro e decembro de 2012

  • O xerente adquirira o compromiso de realizar as probas inmediatamente, ou o antes posible, despois dos cursos.

  • As probas realizáronse en outubro de 2013, case un ano despois de realizados os cursos. Está ben.

 

Temos que sinalar a este respecto que nós pretendiamos conseguir un único colectivo de PAS que, entre outras cousas, aproveitando o importante aforro que para a Universidade supoñía a funcionarización, mellorase as condicións económicas e socias do PAS. Non estamos orgullosos do conseguido pois supuxo unha clara concesión económica sendo neste sentido  a única beneficiaria a Universidade.
 
Despois da dimisión da CUT, ben por mala intención ou por descoñecemento (a pesar de ser de sindicatos ben fortes), emitiron un comunicado no que sinalaban que o feito de que dimitísemos impedía ao resto a negociación do Convenio, a realización da convocatorias que faltaban, a representación no Consello de Goberno….. coa finalidade de que aparecésemos como culpables da paralización do órgano de representación.
 
Despois de que lles demostramos na práctica que as acusacións non eran verídicas limitáronse a seguir as dinámicas establecidas con anterioridade. Ultimaron as poucas convocatorias que quedaban, aínda así, nos casos en que as ditas convocatorias foron recorridas e, a pesares de seren negociadas e acordadas coa Xerencia (supoñemos), non foron quén de se presentar como parte nos recursos deixando aos compañeiros afectados sen ese apoio.
 
Negociaron sen negociar o Convenio Colectivo (segundo o propio xerente en xullo xa estaba practicamente rematado) e introducen un factor de incerteza nos compañeiros e compañeiras que aínda non se funcionarizaron ou que non pensan facelo.
 
Visto con perspectiva o mellor que lle podía pasar ao colectivo era que coa dimisión das persoas que representabamos á CUT no Comité dimitisen todos os seus membros e houbera novas eleccións. Compre sinalar que, a día de hoxe, aínda que seguramente todos os compoñentes do Comité se funcionaricen nesta primeira fase, haberá moitos compañeiros e compañeiras que non se puideron, ou non quixeron, funcionarizarse polo tanto o proceso non rematou.
 
Capítulo VI
 
Segundo o que nós coñecemos neste momento hai 210 traballadores/as contratados mediante este capítulo.
 
Destes 210 están contratados por programas de formación, imparten, ou poden impartir, docencia e están, ou poden estar, no POD, están, tamén. xa integrados no Convenio Colectivo de PDI laboral ainda que, polo que nós sabemos ninguén reclamou os dereitos que isto lle reporta:
 

  • Por convocatorias do Ministerio:                                                21

  • Por convocatorias da Xunta:                                                      60

  • Por convocatorias da UDC                                                         20

  • Contratos predoutorais ao abeiro da nova Lei da Ciencia:        7

 

O resto que non ten actividade docente, maioritariamente ten esa expectativa.
 
Como vedes non saen os 150 que aduce o xerente segundo os comunicados recibidos. En todo caso insistimos en que, ao igual que os compañeiros e compañeiras funcionarios/as fixeron asembleas para determinar se aprobaban o proxecto de funcionarización do PAS laboral, corresponderá aos traballadores e traballadoras laborais aprobar si integran no seu convenio aos traballadores e traballadoras do capítulo VI, non aceptaremos un acordo dos sindicatos neste sentido sen pasar pola asemblea.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript