Novembro de 2013
 
 

11/11/2013

   CUTUDC / Novidades

  XENOCIDIO EN GUATEMALA
 

A impunidade da empresa galega Hidralia en Guatemala

"Se non vos ides pódevos pasar algo. Tede coidado, os que me mandan son mala xente, a min fixéronme isto", dixo un home, mentres sinalaba unha cicatriz duns 40 cm que tiña no abdome, a JTM e CP, iniciais de dous observadores de dereitos humanos, un español e outro alemán, que se encontraban no municipio de Barillas, Guatemala, o pasado 13 de maio.

 

  • Noticias relacionadas

 

O feito foi denunciado formalmente ante a Procuradoría de Dereitos Humanos de Guatemala, pero, ata agora, a xustiza guatemalteca non iniciou ningún procedemento ao respecto. Tampouco se pronunciou Iñigo Febrel Benlloch, secretario consular da Embaixada en Guatemala, que se comprometeu a investigar os feitos.
 
Unha empresa galega
Hidro Santa Cruz é unha filial de Hidralia, propiedade do galego Luis Castro Valdivia. Esta hidroeléctrica desenvolve diversos proxectos en varias rexións de Guatemala. Segundo a Asemblea pola Defensa do Territorio, que integra a diversos colectivos en resistencia contra o espolio do seu territorio, todas as hidroeléctricas planeadas por Hidralia se sitúan en pobos que realizaron consultas comunitarias e son contrarios á construción destes proxectos.
 
En Guatemala, a lexislación ampara as consultas ás poboacións indíxenas e o resultado é vinculante; deciden sobre a explotación e uso dos recursos naturais no seu territorio. A estratexia de Hidralia é a mesma que seguen multitude de empresas en toda Latinoamérica. Introdúcense na área e compran as terras que lles interesan. No caso da eléctrica galega, adquiriu en Barillas terreos para destinalos, supostamente, ao cultivo de café e cardamomo, mentres que no municipio de Santa Eulalia se trataba dun proxecto de reforestación.
 
As comunidades denunciaron que cando se rebelaron contra os plans destas empresas, estas trataron de dividir os poboadores, xeraron violencia nas comunidades para conseguir os seus obxectivos e fixeron circular ameazas e rumores para provocar tensión. En moitos casos, estas empresas contratan corpos paramilitares ou sicarios que acaban coa vida dalgún dirixente comunitario para sementar o medo e tratar de paralizar a loita das comunidades.
 
No caso de Barillas xa foron asasinadas dúas persoas: Andrés Pedro Miguel, en 2012, e Daniel Pedro Mateo, en abril deste ano. Un mes despois, a Policía Nacional Civil secuestrou e golpeou Mynor López e o seu sobriño, e, días despois, fixo o mesmo con M., inicial do nome da lideresa comunitaria, que foi violentamente agredida e ameazada a punta de pistola. Estes son só algúns casos.
 
Dividir as comunidades
Na tarefa de dividir ás comunidades, a maioría das transnacionais que se instalan nas terras comunitarias compran a membros da comunidade ou representantes, pagándolles moito máis a eles e aos seus traballadores do que conseguirían con calquera outro emprego ou concédenlles regalías. En Barillas, Hidralia comprou láminas de cinc para o teito dalgunhas vivendas e en Santa Eulalia prometeron electricidade cinco comunidades que nin sequera pertencen ese municipio. DIAGONAL tratou de poñerse en contacto con Hidralia sen conseguir que responda ás preguntas deste medio.
 
Varias persoas de Barillas foron encarceradas, ata oito meses, sen que o xulgado ditaminase que delitos cometeran e que probas existen contra eles. Na actualidade, os líderes comunitarios de Barillas e Santa Eulalia acumulan decenas de denuncias. Ese é o caso de Rubén Herrera, posto en liberdade recentemente, pero aínda pendente da denuncia.
 
Segundo explica o xuíz Miguel Ángel Aguilar, encargado do caso, "o problema é que a Policía Nacional, o Ministerio Público e o organismo xudicial estamos facendo máis complexas as cousas porque actuamos de forma irresponsable. Dítanse ordes de aprehensión por un montón de delitos e, cando presta declaración a persoa, hai veces que só quedan un ou dous delitos. É aí onde nos damos conta". A resposta por parte do Goberno guatemalteco e o Estado español ante todas estas violacións de dereitos humanos é a mesma que recibiron os dous observadores internacionais ameazados en Barillas en maio pasado: o silencio.
 
Despoxo das terras e dereitos indíxenas
O 28 de setembro repetiuse outro episodio de criminalización e represión no territorio do pobo maia q'anjobal do norte do departamento de Huehuetenango, Guatemala, segundo informa a organización Coordinación polos dereitos dos pobos indíxenas (CODPI). O líder indíxena Maynor López foi detido de forma arbitraria e foi trasladado nun helicóptero militar ata a capital. É un novo episodio de violencia policial contra as comunidades que se opoñen a unha represa hidroeléctrica no río Cambalam, en Barillas, operado pola empresa Hidro Santa Cruz, subsidiaria da transnacional Hidralia Energía, con sede no Estado español (na Coruña). Guatemala ratificou o Convenio 169 da OIT sobre o dereito das comunidades a decidir e é obrigatorio o seu cumprimento. CODPI denuncia que "o despoxo de terras e dereitos son as causas da conflitividade en Barillas e a rexión norte de Huehuetenango".
 
DIAGONAL Periódico

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript