Novembro de 2013
 
 

04/11/2013

   CUTUDC / Novidades

  A OMS ADVIRTE
 

O alto desemprego xuvenil, "emerxencia sanitaria"

A OMS reclama Rajoy e outros gobernos europeos que deixen de aprobar medidas que afectan á saúde da poboación.

 

  • Noticias relacionadas

A Organización Mundial da Saúde (OMS) instou este xoves os países europeos a investir en saúde pública para reducir os efectos a longo prazo das medidas de austeridade aplicadas para combater a crise económica. Ao presentar un estudo sobre desigualdades de saúde en 53 países de Europa, a directora rexional da OMS, Zsuzsanna Jakab, asegurou que os recortes "ameazan con crear unha emerxencia sanitaria" que, se non se atalla, terá graves consecuencias económicas, sociais e de saúde. Os gobernos poden elixir. Trátese de países ricos ou pobres, poden tomar decisións que terán un efecto clave na saúde dos cidadáns, é unha cuestión de prioridades", subliñou.
 
O informe, coordinado por Michael Marmot, director do Instituto de Equidade Sanitaria do University College de Londres, analiza os "determinantes sociais" que inciden na saúde das persoas -como onde nacen, se crían, viven, traballan e envellecen- e recomenda medidas para mellorar en cada un deles.
 
Unha das secuelas da austeridade, que os gobernos deben combater para evitar consecuencias a longo prazo, é o desemprego xuvenil, que, segundo Marmot, "é unha bomba de reloxaría para a saúde pública a punto de explotar".
 
Destacou o caso do Estado Español, que, cun índice de desemprego entre a xente nova do 52% -o máis alto de Europa-, debe tomar medidas para evitar secuelas futuras. "É urxente promulgar políticas económicas e sociais que dean a estas persoas un futuro", dixo o académico.
 
A falta de emprego, advertiu, "prexudica a saúde", pois está relacionada cun maior índice de suicidio e enfermidades mentais, un aumento da delincuencia, unha taxa de mortalidade máis alta e menores perspectivas de progreso na vida, o que á súa vez ten efectos para "as futuras xeracións" que nacen nesas circunstancias.
 
Segundo o estudo, "a pobreza relativa na infancia inflúe en boa medida na saúde das persoas", o que pode combaterse "investindo en dar un bo comezo na vida, apoiando as familias e garantindo o acceso universal á educación preescolar e a bos coidados infantís".
 
Eslovenia, exemplo na loita contra a pobreza infantil
 
Marmot puxo a Eslovenia como exemplo de país con menos recursos económicos que non obstante inviste en reducir a pobreza infantil, xusto por detrás de Islandia, Noruega e Dinamarca.
 
Para asegurar a saúde da poboación é necesario tamén investir nun bo sistema de protección social, con axudas para os máis vulnerables, así como nun sistema sanitario público "de acceso universal".
 
"Cada país, na medida dos seus ingresos, pode investir nestas áreas", afírmase no documento, que argumenta que os países que invisten pouco, deben destinar máis recursos, e os que, como Suecia ou Finlandia, invisten considerablemente, "deben facelo mellor".
 
A nivel xeral, os países europeos "deben recoñecer as consecuencias sociais e para a saúde dos paquetes económicos de austeridade" aplicados para combater a crise e debe utilizarse como referencia para "deseñar as políticas sociais e fiscais" do futuro.
 
"Hai que asegurarse de que non son os máis desfavorecidos os que cargan co peso da austeridade", subliñou Marmot.
 
En canto ás políticas de saúde pública, a OMS recomenda impulsar máis medidas de prevención co fin de "reducir as causas inmediatas da desigualdade na saúde", como poden ser o consumo de tabaco e alcohol e a obesidade.
 
Neste sentido, o Reino Unido, que ten un bo sistema sanitario e baixos índices de tabaquismo, lidera a táboa da obesidade, un problema "moi relacionado coa disparidade económica", advertiu Marmot.
 
O estudo, titulado "Revisión dos determinantes sociais e a división en saúde na rexión europea da OMS", traballou con datos e estatísticas xa no dominio público e que sitúan ao Estado Español á cabeza do desemprego xuvenil, se ben tamén lidera a táboa de maior expectativa de vida.
 
O seu autor destacou que a saúde "é un dereito" e, na situación actual de precariedade económica, os gobernos "deben preguntarse cómo afectan as medidas que se están a tomar na saúde da poboación".
 
"Ningún país en Europa pode relaxarse, dixo o experto, "pois mesmo nos máis ricos e que invisten en saúde pública aumentaron as desigualdades dentro da escala social".

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript