Outubro de 2013
 
 

21/10/2013

   CUTUDC / Novidades

  +ARGUMENTS?
 

Loitar contra a pobreza ou loitar contra "os pobres"?

Hai unhas semanas, o Parlamento Húngaro aprobaba unha lei que habilita aos corpos policiais e ás administracións locais para castigar as persoas que durman na rúa con multas, traballos para a comunidade e, mesmo, con penas de cárcere.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

Hungría deu un paso adiante na criminalización das persoas en situación de exclusión severa pero é importante recordar que este país non é ningunha illa nun mar de comprensión social cara ao fenómeno do senfogarismo. Son multitude, os municipios europeos e españois levan anos impulsando ordenanzas municipais e prácticas policiais orientadas a dificultar a vida ás súas rúas.
 
O acoso e a persecución ás actividades na rúa relacionadas coa marxinalidade non chegou co estalido da crise. Forma parte dun modelo de gobernabilidade da miseria que se impón paralelamente ás políticas neoliberais. Un modelo que require un férreo control da crecente pobreza que se xera a partir da redución das políticas de protección social, da precarización do emprego e da mercantilización de todos os aspectos da vida cotiá. Non se trata soamente de manter o espazo público das grandes cidades, nodos imprescindibles da economía globalizada, limpo e atractivo para os investimentos turísticos ou os encontros de negocios, tamén se fai imprescindible transmitir a cidadanía que a ética liberal do traballo é máis vixente que nunca. E para someter aos que aínda se consideran de clase media á precariedade postindustrial hai que criminalizar e estigmatizar aos que quedan fóra dela, xa sexa por opción ou por obriga, perpetuando varias mensaxes: "no noso sistema, quen dorme na rúa é porque quere", "só se chega a esta situación cando se levou unha mala vida" e "traballando duro pódese saír".
 
Foi este programa de gobernabilidade neoliberal da pobreza a que levou, en 2005, ao Concello de Barcelona a aprobar unha ordenanza municipal que permitía multar aos indixentes que obstaculizasen o tráfico, a realización de malabar na rúa, a oferta de servizos non requiridos, a prostitución, ou o propio feito de durmir en rúa. O rexeitamento que provocou esta ordenanza fixo que se aplicase con diferentes intensidades durante os últimos anos pero o certo é que a normativa está en vigor. Xusto despois da adopción desta norma por parte da casa do concello, que o concelleiro de seguridade do Concello de Madrid dese momento, Pedro Calvo, solicitou que se tomasen medidas coercitivas para retirar aos indixentes e as prostitutas das rúas da capital do Estado sen necesidade de esperar unha orde xudicial. Segundo o concelleiro "chegara o momento de deixar a un lado a linguaxe politicamente incorrecta".
 
En realidade, a linguaxe politicamente correcta hai tempo que deixou de lado cando se fala de persoas en situacións de exclusión severa. En xuño de 2010, o voceiro do Concello de Sevilla esixía que se aplicasen as ordenanzas municipais ás persoas sen fogar para evitar "a deterioración da convivencia na cidade". Para o concelleiro Juan Ignacio Zoido, a presenza de "sen fogar " nas rúas e o seu xeito de utilizar a vía pública constituía un problema para o resto da cidadanía. En marzo de 2012, o Pleno Municipal de Valladolid aprobou unha modificación da súa "ordenanza antivandalismo" para prohibir a mendicidade baixo a ameaza de sancións de ata 3.000 euros. En Albacete, Ciudad Real ou Alcalá de Henares adoptáronse medidas similares co obxectivo de "limpar as rúas de prostitutas e mendigos". A principios de 2013, o Concello de Alicante tamén aprobou unha ordenanza que permitía multar a prostitutas e indixentes en caso de non seguir as instrucións da policía municipal. O resultado foi o colapso dos xuízos rápidos na Audiencia Provinciais en setembro do mesmo ano.
 
Normas por agora restrinxidas ao ámbito municipal poderían dar o salto á lexislación estatal española sen demasiadas dificultades. En abril de 2011, o entón alcalde de Madrid, Aberto Ruiz Gallardón, pediu publicamente unha lei que habilitase a policía municipal para sacar as persoas sen fogar da vía pública pola forza. Gallardón argumentaba que na súa cidade había recursos para pasar a noite suficientes para que ninguén durmise na rúa pero que non dispoñía da autoridade legal para obrigar a ninguén a utilizalos. Trátase do mesmo argumento utilizado hai uns días polo Secretario de Estado húngaro cando defendía a súa nova lei e dunha simplificación da realidade coa que se intenta alimentar o mito de que todo o que dorme na rúa faino porque quere.
 
Coa imposición ideolóxica do neoliberalismo, rompeu o consenso en torno ao termo cohesión social. As bolsas de pobreza no medio da opulencia das sociedades de consumo deixaron de ser un fenómeno que se combatía de xeito máis ou menos acertado dende os poderes públicos para ser unha realidade inevitable que debe xestionarse. Nas explicacións sobre a persistencia da pobreza nun ámbito de abundancia gañaron peso os factores individuais, e mesmo nun momento de profunda depresión económica e extensión do risco de pobreza, o coñecemento convencional distingue entre a "nova pobreza" vítima da conxuntura e a "pobreza de sempre" vítima dos seus propios vicios e estilos de vida desviados. A exaltación da diferenza entre os "novos pobres" e os "marxinados" recupera a preocupación polo desperdicio dos recursos públicos en tempos de escaseza, culpando as persoas de barrios estigmatizados, as minorías étnicas e inmigrantes, os pequenos delincuentes, as persoas que exercen a prostitución na rúa, as persoas sen fogar e as drogodependentes... de ser un pozo sen fondo para os minguados presupostos sociais das administracións. Incluíndo tal diversidade de situacións no concepto exclusión social, a sociedade maioritaria desmárcase das realidades incómodas atribuíndoas á falta de ética e a falta de ganas de traballar.
 
Pero a realidade é testana, e a extensión do risco de pobreza estendeuse en España ata un escandaloso 27% (para 2011 segundo Eurostat). O descenso da renda dos fogares é imparable. Dos 26.500 euros de renda familiar dispoñible de media en 2008 pasouse aos 24.609 en 2011. E as desigualdades cada vez máis esaxeradas, cun aumento dos millonarios do 13% en 2013. A estigmatización das capas máis vulnerables da poboación non é máis que un lamentable triunfo da ideoloxía que xustifica o espolio e a explotación para enriquecer o 1%.

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript