Outubro de 2013
 
 

21/10/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

O banco malo é malo de verdade

No seu día, 'banco malo' parecíanos unha redundancia, un pleonasmo, e preguntabámonos: se os bancos "bos" son o que xa sabemos, como será un banco que presume de malo?.

 

  • Noticias relacionadas

 

Fixemos moitas bromas no seu día cando soubemos que ían crear un 'banco malo'. Parecíanos unha redundancia, un pleonasmo (como dicir "capitalismo salvaxe"), e preguntabámonos: se os bancos "bos" son o que xa sabemos, como será un banco que presume de malo?
 
Riamos, si, pero o banco malo cada vez ten menos graza. Agora xa sabemos que non é malo: é peor. En pouco tempo, a Sociedade de Xestión de Activos Inmobiliarios Procedentes da Reestruturación Bancaria, (coñecida polas súas siglas de SAREB, e nos baixos fondos polo seu alcume de banco malo) converteuse no maior galopín financeiro de España. Queriades banco malo? Pois aí tedes, un vilán de película.
 
En poucas palabras, o papel que cumpre a SAREB é salvar o cu da banca sen que esta se despeitee. E para variar, faino cumprindo as dúas condicións propias do mundo financeiro, especialmente en España: que a banca sempre gaña; e que cando perde pagámolo nós.
 
Supoñíase que o banco malo ía cumprir a función que instrumentos similares tiveron noutros países: comprar activos tóxicos a prezo de mercado, e a cambio os bancos vense obrigados a dar crédito polo mesmo importe daqueles activos de que se desprenden.
 
Pero isto é España, e se chamamos malo un banco é porque é malo malo. Ata agora, a SAREB permitiu aos bancos "bos" sacar das súas adegas toda a merda que non tiñan onde colocar e que contaminaba as súas contas. Miles de vivendas, acabadas e a medio construír, enormes cantidades de chan, e tamén préstamos irrecuperables, saíron das carteiras maltreitas da banca para rematar no banco malo. Máis do 40% dos activos tóxicos da banca xa son seus.
 
Sobre o papel, a SAREB cómprao todo a prezos máis baixos do que dicían valer nos balances dos bancos. Pero hai dúbidas de que o desconto estea realmente ao nivel do derrubamento que se produciu nos prezos dende o pinchazo da burbulla en que foron valorados eses activos. Sobra dicir con que diñeiro están a comprar todo ese ladrillo ruinoso: co noso diñeiro, cos máis de 2.000 millóns achegados polo Estado ao constituír a SAREB, pero sobre todo con máis de 50.000 millóns garantido por débeda con garantía do Estado. É dicir, garantidos por todos nós.
 
A segunda maldade do banco malo chega co uso de todas esas vivendas. Nun país cun problema grave de vivenda como España, a enorme carteira inmobiliaria da SAREB podería ser a base dunha política de vivenda social. Pero nada diso: o que fai o banco malo é desfacerse delas, vendéndoas a quen queira comprar. O máis ben malvendéndoas.
 
O banco malo empaqueta pisos, oficinas e chan, e o paquete colócallo a quen ten diñeiro para compralo, que non somos nin vostedes nin eu: os fondos de capital risco, os coñecidos 'voitres' do mundo financeiro, que están a facer o seu agosto en España comprando todo o que está de saldo: empresas en apuros, accións desvalorizadas, servizos privatizados, patrimonio liquidado, préstamos pendentes de pagamento, e vivendas. Moitas vivendas. Toda esa vivenda que hoxe necesitamos e que marcará o futuro inmediato do mercado inmobiliario, está a quedar en mans dos que buscan o lucro rápido.
 
Pero é que ademais tampouco é certo que os voitres teñan diñeiro para comprar eses paquetes: son listos, non arriscan, porque a propia SAREB, o banco malo (que connosco é desapiadado, pero para os voitres ten o seu corazonciño), dálles todo tipo de facilidades: aplícalles bos descontos, búscalles financiamento, aválaos ou mesmo lles cobre as perdas posibles en caso de que os prezos sigan caendo despois de comprar, participando directamente nas operacións para dar garantía. Co noso diñeiro, claro.
 
O banco malo é hoxe o maior vendedor de pisos en España. Incluídos pisos de desafiuzados, ou dos que están a punto de selo. Incluídos pisos baleiros que a PAH converteu na súa "obra social", dando exemplo do que poderían facer tantas administracións. O banco malo, por suposto, está disposto a botar aos que converten eses pisos baleiros en vivenda digna, e á hora de negociar cos desafiuzables actúa como o poli malo da banca, implacable.
 
Nas grandes feiras inmobiliarias a SAREB ten posto propio, un mercado onde salda o noso dereito á vivenda de hoxe e de mañá. E para que todo o negocio quede nas mesmas mans, a mesma banca que traspasou os seus pisos, é a que despois ofrece liñas de financiamento para as hipotecas dos que compren eses mesmos pisos.
 
Como bo malo malo, apenas sabemos do banco malo. Móvese nas sombras, na clandestinidade. Non dá roldas de prensa nin entrevistas, non comparece no Congreso, apenas sabemos da súa presidenta máis que o nome, Belén Romana, e o seu soldo, 33.000 euros ao mes. Para máis recochineo, aínda que a case totalidade do diñeiro con que conta a SAREB é diñeiro público, déronlle forma de sociedade privada, para non computar como débeda, inchando a participación do capital privado de forma desproporcionada á súa achega. Así pode moverse ás súas anchas, sen render contas ante ninguén, na opacidade máis absoluta. Gastando o noso diñeiro sen que saibamos como.
 
O banco malo veu co rescate europeo. Agora anúnciannos que o rescate se pechará pronto, pero non obstante o banco malo queda. E cada día é máis malo. Por agora, o único superheroe que lle opón resistencia é a PAH, con axuda dalgúns tribunais. Axudémolos neste combate desigual.

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript