Outubro de 2013
 
 

14/10/2013

   CUTUDC / Novidades

  GRECIA - CRISE
 

Periga educación pública en Grecia por causa da Troika

"Todos temos dereito a unha educación e a unha sanidade pública sen importar o que diga o Fondo Monetario Internacional", expresou un profesor grego. O Goberno de Grecia pretende recortar 25 mil postos de traballo do sector público. Xa algunhas universidades gregas se viron obrigadas a funcionar cun 40 por cento menos do seu persoal.

 

  • Noticias relacionadas

 

Polo menos oito universidades gregas víronse obrigadas a pechar as súas portas dende hai varias semanas a causa dos recortes económicos que o Goberno de Grecia aplicou á educación pública, e que foron impostos pola chamada Troika.
 
Algúns dos centros educativos víronse obrigados a funcionar cun 40 por cento menos do persoal.
 
"O Goberno quere pechar a miña universidade. Os traballadores levan case un mes en folga e estou moi preocupada polo que poida pasar porque quero continuar cos meus estudos ", expresou unha estudante grega.
 
Nunha carta ao primeiro ministro grego, Antonis Samaras, o reitor da Universidade de Atenas aseguraba que a institución está a pasar pola súa peor crise da historia, e tamén pola máis perigosa, ante a incapacidade de impartir clases ou de levar a cabo o proceso de matriculación por falta de persoal docente e administrativo.
 
Dende hai semanas os profesores manifestaron o seu rexeitamento contra os recortes utilizando máscaras brancas que, segundo eles, representan a súa indignación.
 
"A universidade pública non pode funcionar sen nós. Pero non somos máis que números para eles, non persoas. Manifestámonos por dúas cousas: para recuperar o noso traballo e para asegurarnos de que a universidade pública siga existindo no futuro", resaltou unha profesora universitaria.
 
Andreas Mijalokulos, profesor da Universidade de Atenas, sinalou que a maioría dos gregos séntese impotente, pero "hai que loitar para conseguir o cambio".
 
"Todos temos dereito a unha educación e a unha sanidade pública sen importar o que diga o Fondo Monetario Internacional (FMI). Temos que loitar polos nosos dereitos", sentenciou o docente.
 
As presións da Troika, integrada polo Fondo Monetario Internacional, o Banco Central Europeo e a Comisión Europea, levaron ao Executivo a reducir o presuposto en sanidade, transporte e, dun xeito drástico, tamén en educación.
 
O Goberno heleno pretende recortar 25 mil postos de traballo do sector público. A Universidade de Atenas, unha das máis antigas do país, perdeu xa o 40 por cento dos seus empregados.
 
Os recortes aínda non remataron. Con estas cifras na man, os docentes aseguran que a educación pública grega "ten os días contados".
 
Segundo os sindicatos da educación pública, dos 6.239 empregados non docentes das universidades gregas, o Goberno ten pensado desfacerse de 1.765.
 
teleSUR-RT/kg – F

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript