Outubro de 2013
 
 

14/10/2013

   CUTUDC / Novidades

  GESTHA
 

Gestha ridiculiza os "logros" do Goberno na loita contra a fraude

O colectivo de Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) reclama ao Executivo "máis ambición" para reducir a economía somerxida porque os resultados das actuacións de control no último ano e medio (xaneiro de 2012 a xuño de 2013) supoñen só o 19,3% da evasión anual, o que significa que, no mellor ano da Axencia Tributaria, a "taxa de impunidade fiscal" é do 80,6% e a propensión a defraudar seguirá sendo "moi alta".

 

  • Noticias relacionadas

 

Gestha esixiu tamén unha maior eficacia á Axencia Tributaria na loita contra a fraude, pois só a defraudación no IVE produce unha perda recadatoria de 17.176 millóns de euros anuais, cantidade que supón o 1,6% do PIB estatal, segundo unha análise realizada para avaliar os resultados na loita contra a fraude que estudou este venres o Consello de Ministros.
 
O sindicato considera que a fraude do IVE, lonxe de atallarse nestes últimos anos, foi a máis como consecuencia da crise económica, unha conclusión á que tamén chegou a Comisión Europea nun recente informe sobre o burato do IVE, que no estado español superou os 15.000 millóns de euros en 2011, o triplo que ao inicio da crise.
 
Segundo os Técnicos de Facenda, estes datos demostran que a evasión fiscal é un fenómeno que se acentúa en épocas de crise, xa que os datos de Bruxelas cifraban ese burato recadatorio por IVE en menos de 7.000 millóns en 2007, unha cifra que foi crecendo de xeito ininterrompido dende entón, a pesar da mellora nos resultados da Axencia Tributaria.
 
Ademais, afirman que esta alta evasión tributaria explica o escaso rendemento na recadación por IVE, xa que de cada cen euros de consumo no estado español, o Goberno tan só logra recadar 9,7 euros de media, fronte aos 12,3 euros que se obtén no conxunto dos países do ámbito, o que sitúa ao estado español na última posición recadatoria da Unión Europea.
 
COMPARTIR BASES DE DATOS
 
Por todo iso, Gestha demanda estudos oficiais periódicos de economía somerxida analizados por territorios, sectores e impostos, así como un aumento de competencias e responsabilidades do colectivo de Técnicos e a necesidade de compartir bases de datos tributarias entre a Axencia Tributaria e as axencias autonómicas.
 
Segundo os seus cálculos, se se adoptasen estas medidas, poderíase rebaixar en dez puntos o volume da economía somerxida no estado español dende o 23,3% do PIB, o que permitiría recadar uns 38.500 millóns de euros adicionais ao ano, cadrar as contas públicas sen necesidade de novas medidas de axuste e situar a fraude ao nivel dos países europeos máis avanzados.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript