Outubro de 2013
 
 

14/10/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Españois no (cu do) mundo

Durante un tempo tivo a súa graza 'Españois no mundo', o popular programa televisivo que mostra as vidas de compatriotas que viven en lugares remotos, a miúdo exóticos.

 

  • Noticias relacionadas

 

Tanto este programa, como as súas versións autonómicas, era en realidade unha serie de ficción, do xénero comedia costumista: eses españois que sempre botaban de menos o xamón e que nos ensinaban os recantos máis pintorescos da súa nova cidade mentres relataban anécdotas con que ilustrar o choque cultural.
 
Segundo avanzaba a crise, o programa foi perdendo graza. Xa non era unha telecomedia, senón máis ben un espazo de servizo público: durante un tempo 'Españois no mundo' foi a única política laboral dos gobernos central e autonómicos para os mozos (e non tan mozos): "mirade que ben lle vai a estes valentes, deixade de esperar aquí un traballo que non chegará nunca, facede a maleta e boa sorte".
 
Hoxe o programa parece unha broma pesada, cando empezamos a coñecer casos de "españois no cu do mundo" que non botan de menos o xamón senón un cuarto de baño limpo, como os 128 compatriotas que levan varios días amoreados nun albergue alemán, gastando aforros e sen ver os contratos que lles prometeron. Prepárense, porque teremos máis noticias así, de españois estafados, explotados, abandonados. Nalgúns casos, atraídos polo brillo dalgún capítulo de 'Españois polo mundo', como aconteceu en Noruega cos que foron buscando casas de madeira e sanidade pública, e remataron na rúa.
 
O golpe para a nosa autoestima como sociedade é enorme: de pronto, os nosos fillos e irmáns, que formaban parte da "xeración mellor preparada da historia", convértense en carne de canón, exército de reserva, man de obra barata que ás veces cae en mans de aproveitados ou en enredos burocráticos que fan máis evidente a fraxilidade das súas vidas. Os mesmos mozos chamados a comer o mundo, e que hoxe marchan con medo de que o mundo os merende a eles. Todos coñecemos no noso ámbito mozos (e non tan mozos) que deixaron a súa casa, gardaron as súas pertenzas no rocho familiar, e montáronse no mesmo avión low-cost que fai non moito prometía levalos de turismo por medio planeta, e que hoxe se converte en vagón de emigrantes. Non, non levan a maleta de cartón dos nosos avós, pero o trolley de rodas non fai moito mellor a mesma viaxe.
 
Porque ese é outro aspecto, que igualmente golpea a nosa castigada autoestima: o noso referente con que comprender o que hoxe lles pasa a miles de españois, non é o afastado recordo do que pasaron os nosos pais e avós en Suíza ou Alemaña hai medio século. O espello no que mirarnos é moito máis próximo no tempo e próximo no espazo, aínda o temos nos nosos barrios: os traballadores que ata datas recentes querían vir a España a traballar no que fora con tal de deixar atrás a falta de futuro dos seus países. Apenas sabiamos das súas vidas, pero tamén eran mozos das xeracións mellor preparadas dos seus países, e mulleres que coidaban os nosos fillos mentres deixaban aos seus propios fillos ao outro lado do océano, e familias rotas, e a miúdo tamén eran eles estafados, explotados, abandonados.
 
Evidentemente non é igual a situación destes españois de Erfurt (cos que parece que as autoridades alemás se están portando ben, mellor que as españolas), non é igual á de quen malvivían nos nosos invernadoiros ou ían de madrugada aos arredores da estación para esperar unha furgoneta que os elixise para unha obra. Moito menos ten que ver cos centos de mortos en Lampedusa. E por suposto, hai moitos que non rematan como estes de Erfurt, mesmo hai os que de verdade encontrarán unha vida mellor. Pero, con todo, non sei se estamos a valorar a conmoción que implica pasar de ser un país de inmigración a outro de emigración en tan pouco tempo. E nin sequera Españois no mundo nos adoza xa ese trago amargo.
 
(Déixenme recordarlles un libro recente que vén moi ao caso, e en cuxa edición participei: Que facemos coas fronteiras. Imprescindible para entender este mundo onde os traballadores son desprazados dun lugar a outro segundo as necesidades do capitalismo; esa roda na que de novo entramos nós).

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript