Outubro de 2013
 
 

14/10/2013

   CUTUDC / Novidades

  STOP DESAFIUZAMENTOS
 

Paralizados os dous lanzamentos desta semana

Conseguimos paralizar os dous lanzamentos previstos para esta semana. No caso Sandra, en Cabanas, o secretario xudicial entregou a notificación pero non puido levar a efecto o desafiuzamento. No caso de Elisabeth muller do barrio do Castrillón, na Coruña, a comitiva xudicial nin sequera puido aproximarse ao portal debido á mobilización cidadá.

 

  • Noticias relacionadas

 

Comunicado de STOP DESAFIUZAMENTOS CORUÑA
 
Dende STOP DESAFIUZAMENTOS CORUÑA queremos informar dos avances acaecidos na mañá de hoxe, venres día 11 de outubro. Dende o
Servizo Común de Actos de Comunicación e Execución (SCACE) comunícase que o lanzamento de Elisabeth non se efectuará durante a vindeira semana, ficando pendente que a nova data se fixe. Dita información ten unha acreditación informal, xa que non existe auto ou notificación administrativa á propia afectada. Temos a experiencia de casos anteriores (o máis coñecido, o de Aurelia Rey) nos que se fixeron pasar afirmacións persoais coma se foran verdades institucionais.
 
Cabe recordar que a Constitución Española no seu artigo 10, recolle que:“las normas relativas a los derechos fundamentales y a las libertades que la Constitución reconoce se interpretarán de conformidad con la Declaración Universal de Derechos Humanos y los tratados y acuerdos internacionales sobre las mismas materias ratificados por España”. Asemade, a Declaración Universal de Derechos Humanos no seu artigo 25.1 di: “Toda persona tiene derecho a un nivel de vida adecuado que le asegure, así como a su familia, la salud y el bienestar, y en especial la alimentación, el vestido, la vivienda, la asistencia médica y los servicios sociales necesarios; tiene asimismo derecho a los seguros en caso de desempleo, enfermedad, invalidez, viudez, vejez u otros casos de pérdida de sus medios de subsistencia por circunstancias independientes de su voluntad.”
 

 
Neste punto queríamos poñer a atención sobre a situación de vulnerabilidade social existente non só no caso de Elisabeth (o seu único ingreso son 216 euros para facer fronte a un alugueiro de 400, á manutención dos seus fillos e a súa propia autonomía) se non no de case o 25% de poboación galega que se atopa nunha situación de pobreza real, así coma o risco de pobreza que afecta a un 22% de familias galegas.
 
O dato vese acompañado da realidade social de 11 millóns de persoas que no Estado Español se atopan nunha situación de pobreza relativa, é dicir, un 22,5% da poboación vive con 500 euros ou menos ao mes e máis de 2 millóns de persoas subsisten con menos de 300 (pobreza severa) e onde a taxa de risco de pobreza, alcanza a un 27% dos habitantes do Estado Español.
 
Se a isto lle sumamos que A Coruña cidade é a máis cara de Galicia, e unha das mais caras do Estado no prezo medio de alugueiro (544 euros) a situación de Elisabeth e moitas mais familias da cidade tórnase insostible e directamente, criminal.
 
Ante un caso coma este (exemplo pra os que poidan vir) cal foi a resposta de Servicios Sociais do Concello? “Hay gente peor” debuxando a normalización da pobreza coma eixo de acción e actuación das políticas sociais que dende o Concello da Coruña se están a levar adiante. Do mesmo xeito o Concello, que se di de “todos los coruñeses y coruñesas” bloquea a solución do presente caso polo seu desinterese, a súa falta de sensibilidade e empatía cun caso concreto dunha realidade social cada vez en aumento, e súa total falta de interese na coordinación co resto de administracións autonómicas das que depende a resolución do conflito.
 
Hai unha semana o concelleiro responsable da área de Servicios Sociais, Miguel Lorenzo, aportou en rolda de prensa datos persoais (cousa prohibida no artigo 6.3.f da Lei 13/2008 do 3 de Decembro de Servizos Sociais de Galicia: todos os usuarios e usuarias de Servicios Sociais terán dereito “á confidencialidade, sixilo e respeto dos seus datos persoais e información que sexa coñecida polos Servizos Sociais en razón da intervención profesional sen prexuízo do posible acceso ós mesmos no exercicio dunha acción inspectora de conformidade coa lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal”), datos que non eran relevantes para a resolución do problema, e aínda por riba estaban manipulados para a súa propia conveniencia e ensuxando a imaxe pública de Elisabeth Sanles.
 
Non sabemos con que interese, no canto de falar das medidas de actuación que se tomarían para solucionar este caso, alude a información sesgada na que se afirmaba que ela rexeitou unha vivenda de protección oficial. Elisabeth xa explicou que esa negativa debeuse a que o piso non cumpría cun dous requisitos básicos que ela especificaba na solicitude: por prescripción médica, non pode subir varios pisos a pé por mor da súa fibromialxia.
 
Pasou xa unha semana, e non só non se tomou ningún tipo de medida dende a área de Servicios Sociais, senón que nin respostou á comunicación do xuíz na Providencia do pasado 4 de Outubro (en cumprimento do convenio entre Xunta, FEGAMP e Poder Xudicial) nin á petición do informe que lle fixo a Consellería de Traballo e Benestar para avanzar na procura de solucións.
 
Dende STOP Desafiuzamentos Coruña seguimos demandando a suspensión da orde de lanzamento ata que haxa unha solución e a coordinación entre os distintos poderes públicos para o artellamento dun protocolo real que evite a exclusión social sistémica. Ata entón seguiremos resistindo en Antonio Noche 30 co apoio da veciñanza, e animamos a toda a cidadanía a que colabore neste acto de desobediencia civil e solidariedade.
 
Moitas grazas pola vosa atención,
STOP Desafiuzamentos A Coruña
 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript